O TSXG dá a razón á edila de CxG expulsada do pleno muradán


Chegou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en contra do concello de Muros dando a razón ao grupo de CxG sobre a expulsión da edila María Xosé Alfonso do pleno de organización do concello de Muros. Segundo nos conta a propia edila, o TSXG desestiva o recurso de apelación presentado polo Concello, ditando así unha sentenza firme, declarando "vulnerados os dereitos fundamentais da concelleira de CxG ao verse privada do seu dereito a participar no pleno do 7 de xullo de 2011 por unha expulsión ilegal".
María Xosé Alfonso Torres quere lembrar que a alcaldesa Caridad González "a expulsou daquel pleno cun clarísimo abuso de poder, só para que o grupo socialista quedase coa maioría suficiente para aprobar as retribucións mensuais dos membros do equipo de goberno".
Dende CxG denuncian tamén que "este proceso xudicial e a sentenza tamén son unha clara proba do pésimo traballo que está facendo o asesor xurídico da alcaldesa", o señor José Luis Barros. A sentenza do Contencioso-Administrativo nº 3, ratificada agora polo Tribunal Superior, condena ao concello a pagar as costas do proceso polo “reprochable comportamento” do letrado que representou ao concello, dedicándolle o xuiz todo o punto terceiro dos fundamentos de dereito da sentenza á actitude deste letrado. E "esta pésima representación do concello, xunto ao pésimo traballo como asesor en materia de urbanismo e ao reiterado incumprimento do uso do galego forzando a veciños e veciñas de Muros a falar castelán, son precisamente os argumentos nos que Compromiso por Galicia de Muros se basea para propoñer a destitución deste asesor".
Novas relacionadas
- O BNG muradán repudia o regulamento municipal da “galegofobia”.
- Piden a destitución do asesor xurídico do Concello de Muros por incumplir o uso do galego.
Fonte
- Nota de prensa do CxG.