Sábado. 27.04.2024
El tiempo

As realidades que a xuíza da “Galicia Profunda” esqueceu no seu retrógrado auto sobre a custodia do neno

  • Achegamos os argumentos da letrada da nai afectada no seu escrito de petición de nulidade da sentenza provisional que outorga a custodia exclusiva ao pai.
Lugar de Torea en Muros copia
Así é Torea, en Muros, o lugar ao que se refire a polémica xuíza no seu discriminatorio auto sobre a “Galicia Profunda”
As realidades que a xuíza da “Galicia Profunda” esqueceu no seu retrógrado auto sobre a custodia do neno

Está o país absolutamente conmocionado pola sentenza de retirada da custodia a unha nai nunha sentenza que expón argumentos como que “a cosmopolita Marbella é un lugar mellor para medrar que a Galicia profunda”. De feito, ese #GaliciaProfunda estase convertendo na etiqueta máis lida nas redes sociais, e nos medios de todo o país.

A polémica tócanos de pleno, pois esa Galicia Profunda da que fala a xuíza María Belén Ureña refírese á vila de Muros (concretamente o lugar de Torea), de onde é nativa a nai afectada pola sentenza provisional que lle outorga a custodia exclusiva ao pai. Ademais, a súa avogada, Claudia Traba Santos, é natural de Fisterra.

De onde ven a historia

Para os que nos quedamos cos titulares, repasamos a historia, entre unha galega e un canario, ambos titulados e profesionais con carreiras que viven en Madrid. Ela queda embarazada, e deciden trasladarse a Marbella por unha oportunidade laboral do pai. En común deciden que ela, traballadora freelance, aparque a súa carreira e se dedique durante un tempo ao coidado do neno.

Por motivos de parella, rompen, e a nai ten claro que non pode quedar vivindo na mesma cidade, vivindo a conta da súa exparella, e que necesita trasladarse á súa vila natal para contar co apoio da súa familia e poder retomar a súa carreira profesional. O neno ten apenas 12 meses de vida.

Durante este verán, a relación entre os proxenitores continuou sendo amable, e de feito, a idea principal era asumir unha custodia compartida. Pero as cousas foron tornándose máis e máis complicadas a medida que o xuízo, a avogada do pai, e unha retrógrada xuíza foron enlamando a situación.

Incompatibilidade

Hai aquí ademais unha incompatibilidade fundamental no procedemento xudicial, xa que existen evidencias da relación que hai entre a Xuíza, a avogada do pai e a que filtrou o auto completo a prensa, pois forman parte da Xunta Directiva da Asociación PF&D, polo que “a priori esa Xuíza nunca debeu instruír o caso”, sinala a letrada da nai.

A petición de nulidade

No escrito de petición de nulidade da sentenza feita por Ureña, podemos ver unha marea de inxustas e subxectivas descalificacións contra a nai, un importante exercició de imparcialidade á hora de aceptar ou non probas, así como unha serie de valoracións discriminatorias contra a muller e contra a vida no rural.

”A xuíza só colle as probas que lle convén a unha parte, descontextualizando moitas das conversas de Whastapp que se utilizaron como proba”, sinalan fontes cercanas ao caso. “O Auto rompe todos os principios de imparcialidade xudicial, con frases subxectivas e insultantes, admitindo ademais supostos problemas de parella que normalmente non se admiten en demadas de custodia”, explican. “É un auto retrógrado que fomenta o patriacardo amparándose no dereito de igualdade”, sentenzan.
Así o refrendan calificativos que utiiiza a xuíza no auto tales como “caprichosa”, “egoísta”, “agresiva”, “intransixente”, “posesiva”, “machacona”…

No escrito de petición de nulidade explícase que o pai traballa de 8:00h a 20:00h, e que non ten tempo para coidar ao neno, se ben a xuíza argumentou que só traballa na sanidade pública pola mañá, esquecendo que traballa todas as tardes na privada, como o refrenda a última declaración da renda, que ofrece uns beneficios de 117.000€ anuais. Nese sentido o auto só extracta as conversas de whastapp ofrecidas pola parte do pai, esquecendo valorar a totalidade das conversas.

Nese sentido, quedaron patentes a pesar da omisión da xuíza (“Por que se omiten todos os whastapp que foron aportados por esta parte e por que a Xuzgadora só recolle no auto os que benefician ao pai?” pregúntase a letrada na petición de nulidade) que durante todos estes meses de separación, todos os días fan dúas videochamadas (a xuíza pon no Auto “a nai tan só lle permite ao pai uns minutos de videochamada por whatsapp como se lle fixera un gran favor”, emitindo un “reproche subxectivo e xuridicamente infértil”, segundo a letrada), e ela lle facilita as visitas. Porén, o pai non quixo quedar co neno mentres a nai facía a mudanza por ir a unha despedida de solteiro, como se reflicten nas mensaxes aportadas pola letrada da nai, cando a nai si que cumpliu coa sentenza provisional entregando ao neno en Marbella no prazo de 3 días.

O benestar do menor

O máis grave de todo, segundo fontes achegadas ao caso, é que no auto, en ningún momento, se ten en conta o benestar do menor, en relación á falta de consideración do contacto afectivo do neno coa nai, coa que leva nos seus 13 meses de vida compartindo as 24 horas do día.

A día de hoxe, a nai afectada solicitaba a custodia e unha colaboración do pai de 1.200 euros, unha vez que por agora non ten traballo. “Teño gañas de traballar e estou buscando traballo, e se me sae por suposto que o collería”, recoñecía a muradá no interrogatorio sinalando que mesmo tivo que acodir a unha entrevista de traballo en Madrid co neno por non ter con quen deixalo. Unhas declaracións que se contrapoñen directamente co auto de nulidade, onde a xuíza describe que “ela mesma demostrou a nula intención de buscar traballo, pois pretende estar dous anos criando ao seu fillo porque conta coa prestación económica de 1.200€ que lle solicitou ao pai”.

”O extracto citado non só constitúe unha descalificación persoal que evidencia a ausencia de imparcialidade senón que tamén supón unha clara mostra da arbitriaridade na que a xulgadora se aparta do resultado claro e evidente da proba practicada para chegar a unha conclusión de todo infundada”, argumenta Claudia Traba no escrito de petición de nulidade da sentenza.

A Galicia Profunda

Se cadra moitos non prestamos atención concreta ás palabras de menosprezo cos que a xuiza descalifica ás poboacións rurais de Galicia e de todo o estado, e que tanto balbordo están xerando:
”Marbella é unha cidade cosmopolita, que ten todo tipo de infraestruturas, con todo tipo de colexios para poder educar a un fillo, públicos e privados, cun bo Hospital no que, ademais, traballa seu pai como médico, e que, en definitiva ofre múltiples posibilidades para o axeitado desenvolvemento da personalidade dun neno e para que creza nun ambiente feliz. O que non sucede coa pequenísima poboación na Galicia Profunda á que se trasladou a nai, lonxe de todo, na que ela nin sequera ten opcións laborais”.

Comentarios