A Deputación afronta e mellora do acceso á praia de Lago e a creación dun sendeiro xacobeo en Muxía
Coas polémicas obras de Lourido aínda quentes, a Deputación da Coruña afrontará en breve, trala aprobación no pleno do pasado venres, un proxecto para mellorar a estrada municipal que da acceso á praia de Lago e aos núcleos de Leis e Merexo, en Muxía, ademais da creación dun sendeiro xacobeo que permitirá aos peregrinos facer este tramo do Camiño en mellores condicións de comodidade e seguridade.
As obras suporán un importante investimento de 534.769,88 euros, dos que o 37% (200.000 €) serán achegados pola institución provincial a través do convenio de colaboración co Concello de Muxía aprobado na sesión plenaria deste venres; 295.598,35 € serán financiados con cargo ao Plan Único (POS+2018) da Deputación e os restantes 39.171,53 € serán financiados con fondos propios do concello.
Obras da estrada
A estrada, cunha extensión total de 3,7 quilómetros de lonxitude, conecta o lugar de Os Muíños coas praias de Lago e Leis, unhas das de maior afluencia de visitantes da comarca e conta nas súas inmediacións con varios establecementos dedicados ao turismo e a hostalaría. Pola zona ademáis transitan a diario centos de peregrinos, xa que o itinerario forma parte da ruta xacobea que desemboca no santuario da Virxe da Barca.