Así será a Festa do Carmen de Muxía
Muxía celebrará a festa da patroa dos mariñeiros na fin de semana do 24 ao 26 de xullo. A Festa do Carmen volve a ser unha data sinalada no calendario do verán muxián, e este ano celebrarse cunha apretada axenda de actividades culturais para todos os públicos.
Dende o venres 24 de xullo e ata o domingo 26 de xullo Muxía celebrará o Carmen cunha programación que inclúe un coloquio cos mariñeiros da vila, que acadou unha gran participación o ano pasado; tamén volverá unha das actividades que máis gustaron na edición anterior: o tradicional Xogo da Cucaña; ademáis dunha gran proposta de música en vivo, cun grupo tributo a Joaquín Sabina e unha formación de música cubana, e a tradicional misa.
O Carmen está organizado por Muxía Cultural, froito da colaboración entre o Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa, co obxectivo de poñer en valor esta festa tan importante para as vilas mariñeiras de Galicia.
Programación completa Carmen de Muxía
A programación arrancará o venres 24 de xullo ás 19:30 horas co coloquio "Memorias mariñeiras", un encontro que estará moderado polo xornalista muxián Xusto Carril, e no que participarán homes e mulleres do mar de Muxía que compartirán as súas lembranzas e experiencias mariñeiras. Será no Paraventos.
Á noite, a partir das 23:00 horas, haberá música no Malecón a cargo Eh! Sabina, grupo tributo a Joaquín Sabina, e Miki Caamaño.
O sábado 25 haberá sesión vermú a partir das 13:00 horas coas Charangas Sorcha e Santa Compaña, e a partir das 17:00 horas comezará o Campionato da Cucaña na Rambleta, unha revisión do tradicional Xogo da Cucaña que o ano pasado cultivou unha gran expectación e participación. (Calquera persoa pode participar! Case imprescindible levar bañador!).
Á noite, a partir das 22:30 horas, gozaremos cos ritmos cubanos de Septeto Nabori, e a mestura de pop, rumba, rock e música popular de Pablo Balseiro. Pecharán a noite o dúo de dj Choriso Criollo.
O domingo Xaramiños do Corpiño saíra de pasarrúas por Muxía, e ás 12:00 horas será a tradicional misa. Terminará a celebración cunha sesión vermú con Alma Latina a partir das 13:30 horas no Malecón.
Muxía vivirá así unha bonita fin de semana adicada ás xentes do mar.
