Mércores. 24.04.2024
El tiempo

“A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal"

“A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal"

Libro de Xan Fernandez Carrera sobre Ramon Caamano Libro de Xan Fernández Carrera sobre Ramón Caamaño Xan Ferndez Carrera Xan Fernádez Carrera é un dos grandes impulsores do patrimonio de Caamaño Unha das persoas máis comprometidas co patrimonio de Ramón Caamaño é Xan Fernández Carrera. Autor dun dos libros máis representantivos e que mellor recolle a vida do fotógrafo muxián, tamén reflexiona sobre a necesidade de ordenar e poñer en valor todo ese tesouro patrimonial que a día de hoxe conserva Chete Pose, xenro de Caamaño, nunha pequena casa museo do centro de Muxía. Mentres en Laxe están dando pasos axigantados para a posta en valor do patrimonio de José Vidal, polo sur da bisbarra non parece que haia demasiado movemento para conseguilo, e mentres seguimos sen aproveitar os milleiros de historias que conteñen as fotografías de Caamaño. Falamos con Xan, impulsor ademais dos últimos contactos entre Concello de Muxía e a familia, para ver que camiños de confluencia pode chegar a haber:   - QPC: Como de importante é o patrimonio fotográfico de Caamaño? Que semellanzas contempla a súa historia coa de José Vidal? Non cabe a menor dúbida de que este arquivo fotográfico é de sumo interese para Muxía e para o resto a Costa da Morte. Caamaño é o gran fotógrafo da Costa da Morte sur, desde Camariñas ata Carnota, o mesmo que Vidal o é da parte norte, desde Camariñas ata Caión. Entre os dous abranguen todo o territorio costeiro desta rexión xeográfica. As fotografías de Caamaño e as de Vidal teñen un grade interese histórico, etnográfico, sociolóxico, etc. A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra destes dous grandes fotógrafos. A través desta obra podemos ver a evolución urbanística das nosas vilas, a evolución das actividades económicas, da paisaxe, da educación, das vías de comunicación e transporte, das festas e romarías, etc. etc. Por que a este valioso patrimonio non se lle dá a importancia que merece? Os motivos son os mesmos, polo que tampouco se lle concede o merecido valor ao patrimonio natural, histórico e cultural que temos. Tanto a sociedade como as administracións priorizan outras cousas. Non debía ser así, pero a realidade é esa.

  • QPC: Cres que tanto Concello de Muxía, como Deputación ou a Xunta deberían facer máis por poñelo en valor?

Por parte da Xunta vemos como están abandonados moitos bens patrimoniais que lle correspondería conservar. Polo tanto penso que desta administración non hai nada que agardar. A Deputación, non obstante, está a ser máis sensible con este tema, e ao mellor podería colaborar con algunha achega económica. Creo que o mellor sería que a iniciativa partise dun concello, neste caso o de Muxía, e a poder ser, que colaborara outra administración. Entendo a preocupación de Chete Pose pola coservación da obra de Caamaño. Á familia resúltalle moi difícil ordenar, clasificar e conservar a inmensa obra que deixou este fotógrafo. El é consciente de que co paso do tempo, todos eses materiais fotográficos vanse deteriorando. Eu sei que hai tempo houbera algún contacto entre o concello de Muxía e a familia de Caamaño, pero non se chegou a ningún acordo porque me parece que tampouco se mostrou o interese preciso por ambas partes. Desde hai tempo mostrei interese en recuperar a obra de Caamaño, e que pasase a ser un ben patrimonial público, pero o asunto non era doado, sobre todo por esa tímida disposición dos dous lados, quizais máis do concello. Espero que a cousa cambie nin futuro.    

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/quen-asume-a-necesaria-responsabilidade-de-recuperar-o-fondo-de-ramon-caamano/

Máis novas

 

Comentarios