Martes. 08.10.2024
El tiempo

Algas á rúa

Algas á rúa
Algas-a-secar-nas-ruas-de-Muxia

De aquí ao verán os veciños de Muxía, así como outras vilas mariñeiras da zona, cruzaranse con esta estampa a cotío. A tempada de secado de algas comeza. Haberá que dar a volta para pasar co coche pois o sargazo está secando aproveitando as poucas horas de sol que nos deixa este inverno pasado por auga.

Non é que o sargazo sexa unha potencia económica na Costa da Morte pero dende logo podería ser un apoio moito máis habitual do que é a día de hoxe. Potencial témolo en forma de mar, en forma da maior horta de algas que pode existir. E mercado haino, o que pasa é que habería que ir buscalo fóra pois aquí pouco se consume.

Aquí, apenas un par de empresas o comercializan, recuperando unha actividade moi típica no século XIX. Tampouco é que nos vaiamos facer ricos cos prezos que se moven hoxendía, pois 1 euro por quilo de alga seca non dá para moito. Un par de horas de recolección, e outro par, alomenos, de secado, fan que non sexa un dos traballo mellor remunerados que haia. Pero sempre é unha axuda en tempos de crise, que pode seguir crecendo.

Cómpre deixar claro que as algas non só serven para comer. Un dos seus compoñentes, o agar-agar é moi utilizado como espesante en toda clase de produtos, moitos máis dos que nos podemos imaxinar. Cosméticas, farmacéuticas e empresas de alimentación son as que máis o utilizan.

Fermoso o nome que nos trae Esteban Petrallo dende Camelle, onde asegura llle chaman "trapos".

Os trapos a rua como lle chaman en Camelle-Foto- Esteban Petrallo

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios