Aproban a avaliación de impacto ambiental dunha planta de residuos de construción en Senande
A Xunta vén de emitir a declaración ordinaria de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto dunha planta de valorización de residuos da construción e demolición (RCD) e almacenamento doutros materiais semellantes no concello de Muxía. O informe considera "ambientalmente viable" a iniciativa empresarial promovida por Ecodaisan SL, para o lugar de Senande.
Os 7 organismos da Xunta consultados consideran que "o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; de augas e leitos fluviais; do patrimonio cultural; do solo e infraestruturas, xestión de residuos; protección da fauna, vexetación, hábitats, espazos protexidos e outros valores naturais; ante accidentes graves ou catástrofes, así como integración paisaxística e restauración".
Proxecto
O promotor, Ecodaisan SL, pretende habilitar unha parcela no concello de Muxía, no lugar de Senande para a clasificación, limpeza e valorización de residuos de construción e demolición de orixe industrial ou urbana. A finca, cunha superficie de preto de 50.000 metros cadrados, dos que se utilizarán algo máis de 20.000 metros cadrados para o desenvolvemento da actividade, deixando o resto da superficie para exercer de pantalla vexetal. De feito, aproveitando a vexetación actual busca minimizarse o impacto visual das instalacións no núcleo de Senande e outros lugares de interese na contorna.
A capacidade normal de valorización da planta estímase en 4.480 toneladas ao ano e a máxima en 25.000 toneladas anuais. A instalación estará distribuída en distintos espazos para a descarga e selección de RCD mesturados, de almacenamento de residuos e das fraccións separadas procedentes da selección, para residuos bituminosos, para residuos inertes limpos previos á trituración, de triturado e criba, de almacenamento de áridos reciclados, de depósito de materiais naturais escavados e unha zona habilitada para oficinas e aseos.