xoves. 19.02.2026
El tiempo

O BNG de Muxía esixe unha digna cobertura de TDT, internet e telefonía no municipio

 

Antena de telefonia de Muxia
O BNG de Muxía esixe unha digna cobertura de TDT, internet e telefonía no municipio

Que a día de hoxe teñamos que seguir pelexando por infraestruturas tan básicas como a TDT, o tléfono ou internet é demencial. Pero a realidade é que os problemas de conectividade levan anos sendo unha constante en distintos núcleos de poboación das parroquias e tamén no pobo de Muxía, onde a cobertura telefónica e de internet falla frecuentemente e no último mes de forma aínda máis habitual.

Ante esta situación perenne o BNG de Muxía quere lamentar que o Concello non se adheriu en 2025 a unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), destinada a mellorar a cobertura móbil en zonas illadas ou con complexidade pola orografía do terreo. Os nacionalistas sinalaron que o consistorio non informou dos problemas de cobertura a dito organismo, segundo a contestación parlamentaria á pregunta con resposta escrita ao deputado Oscar Insua.

O BNG subliñou que “a pesares de que o Concello requirira en marzo de 2025 á Oficina de Banda Larga información sobre a conectividade, o estado da fibra óptica  e a cobertura de móbil no municipio, non comunicou problemas de cobertura a esta axencia, trámite necesario para poder obter as melloras nestes servizos”.

A formación nacionalista criticou a inacción neste asunto, pois consideran que dotar de servizos e de conexión ás parroquias e á capital do concello “é esencial para fixar poboación, para facilitar a vida da veciñanza e para promover a economía do municipio”, na que a hostalaría ten un peso importante.

“Desde o BNG de Muxía instamos ao goberno municipal, e nomeadamente aos concelleiros de servizos e turismo, a facer o traballo que non se fixo en 2025 para que se mellore a cobertura telefónica e de internet das moitas zonas deficitarias neste servizo”, declarou a portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, que lembrou ao goberno municipal a existencia doutras dúas iniciativas do goberno estatal, que se estenden ata 2026, para dotar de cobertura 5G a zonas que non dispuxesen ata o momento dunha velocidade de conexión mínima de 50 Mbps.

Continúan os problemas no sinal de TV

Mercé Barrientos reclamou que se acometan “dunha vez” as melloras necesarias no repetidor do Seixo, que dá sinal de televisión á parroquia de Frixe. “A pesares de ser unha instalación moi necesaria, este repetidor falla moi a miúdo cando a meteoroloxía é adversa”, afirmou a voceira nacionalista, que engadiu que “na parroquia segue a haber zonas de sombra, especialmente na Grixa, polo que a calidade da imaxe é xa de por si moi baixa, e a grella de programación que ofrece non é a da canle de TDT completa, senón só parte dela e non se poden sintonizar canles que noutras partes do concello si é posible ver”. 

Comentarios