Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O empresariado costeiro únese para conseguir un FP Dual de Restauración no IES de Muxía

IES Ramon Caamano
O empresariado costeiro únese para conseguir un FP Dual de Restauración no IES de Muxía

A necesidade de conseguir formación en materia de hostalería e restauración (así como agro-gandeira) na Costa da Morte é evidente. E por Muxía están intentando suplir esta carencia.

Así, dende o IES Ramón Caamaño, e en colaboración con varias empresas do sector están en marcha para conseguir a implantación da FP Dual en Servizos en Restauración.

O encontro estivo presidido pola directora do centro, Pilar Mirón Blanco, e o dinamizador da FP Dual da comarca, Fabián Lestón Caamaño. O obxectivo marcado foi trazar un plan de actuación para solicitar á Xunta o FP, nun proxecto que comezou o curso pasado.

”Os empresarios lamentan non atopar profesionais cualificados na zona, o que moitas veces os obriga a reducir os horarios de apertura dos seus negocios pola falta de traballadores”, explica Mirón. Así, consideran que “a implantación do CM Dual no IES Ramón Caamaño de Muxía podería dar resposta ás necesidades formativas dos profesionais do sector e facilitaría o acceso á titulación homologada a traballadores do sector en activo que mellorarían as súas condicións laborais e salariais”.

Un proxecto que permitiría mellorar a nosa calidade en materia turística, e sobre todo, fixar poboación.

Comentarios