Venres. 29.03.2024
El tiempo

Europa non coñece os plans acuícolas da Xunta en Touriñán

Europa non coñece os plans acuícolas da Xunta en Touriñán

Preguntaba a semana pasada o BNG, a través da súa portavoz, Ana Miranda, á Comisión Europea sobre a implantación da planta de acuicultura no cabo Touriñán. Pois resulta que o Comisario Europeo de Medio Ambiente, Janez Potocnik, respostaba que a Comisión “non está ao corrente da última declaración da Xunta de Galiza no sentido de que o sector acuícola reviste interese público de primeiro orde nin foi consultada ao respecto”.
Na resposta da Comisión especifícase, asemade que “os proxectos de acuicultura intensiva poden ter repercusións en paraxes protexidos e deben avaliarse caso por caso”.

Desmóntase así, segundo o BNG, "o intento da Xunta de xustificar unha agresión ambiental de grande magnitude, como razón imperiosa de interese público, un matiz xurídico importante xa que a Xunta quedouse a medio camiño por insuficiente”.

Deberá ter en conta a Xunta a decisión europea pois aseguran que a Comisión “non vacilará en adoptar as accións legais oportunas se as disposicións do artigo 6 da directiva sobre hábitats non se cumpren no que respecta aos proxectos de acuicultura industrial”. Neste sentido, Ana Miranda lembra que “A Comisión xa ten declarado unha posición inflexíbel con relación á plena aplicación do que comportan as accións legais comprendidas na Directiva de Hábitats”.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera que “resulta inadmisible que dada toda a inseguridade xurídica que está a xerar a Xunta e transcorrido todo este tempo, o goberno galego non teña sequera presentado unha consulta diante da Comisión a respecto das dúbidas existentes con respecto a se esta declaración de interese público resultaba compatible coa Rede Natura”.

Novas relacionadas

Mais novas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Nota de prensa do BNG da man da parlamentaria europea Ana Miranda.

Comentarios