Martes. 16.04.2024
El tiempo

O Modesto Patrimonio: Por que lle chaman as Caldeiras do Castro?

As fermosas Caldeiras do Castro ou Fervenzas de Trasufre-Foto-Modesto Garcia Quintans
O Modesto Patrimonio: Por que lle chaman as Caldeiras do Castro?

Damos por feito que a gran maioría da xente da Costa da Morte coñece esta bonita paraxe natural formada pola cascada do río Castro, na parroquia de Coucieiro, pero quizá descoñezan acontecementos históricos do seu entorno. Para chegar alí tómase a estrada de Coucieiro a Trasufe e á altura do lugar de Agar cóllese a pista do sur, nun treito de 300 m., ata ao lugar de O Castro, onde se pode aparcar sen problemas xunto a unha a área recreativa con mesas e barbacoa. No centro do campo está a capela do Santo Eutel ou Eleuterio, do s. XVII restaurada, con tellado metálico e un cruceiro.

O ruído da cascada xa nos orienta ao camiño que debemos seguir, que é o da dereita ata as escaleiras de baixada protexidas por unha barandilla de madeira. Parte destas escaleiras foron destruídas polo lume polo que en tempo húmido o terreo é esbaradizo. Desde o alto podemos contemplar a paixase do cauce do río rodeado de vexetación e con pozas circulares ou caldeiras con formas de pequenas piscinas todo acompañado pola música producida pola caída da auga desde uns seis metros de altura. Este espazo é relaxante para descansar, tomar o sol ou bañarse.


Por que lle chaman Caldeiras do Castro?


Muíños da Laxe

Porque á man dereita, baixando, no alto do cerro, existe un castro onde se formou o primitivo lugar xa abandonado. Polo lateral sur do campo da capela, no século pasado, pasaba un importante camiño que comunicaba a parroquia de Vilastose cos lugares de Bustelo e Salgueiros. Tiñan que cruzar o río Castro, que fai divisoria entre o concello de Dumbría e Muxía. Nesta paraxe existen uns pasais que cruzaban un pequeño illote situado no medio do río, e a uns 100 m. en dirección a Bustelo, existía un cruceiro coñecido como Cruceiro dos Petóns do Muíño.

Segundo testemuña dalgún veciño da parroquia de Salgueiros, sobre o ano 1935, nos comenzos da República, desapareceu, xunto con outros varios da parroquia. No alto da cascada, na marxe esquerda, existen as ruínas de dous muíños construídos en diferentes épocas, e unidos por unha medianeira común, que se abastecían pola mesma canle do río Castro. O situado máis ao norte, duns 5x3 m. de mampostería cun rodicio de 1 m. de diámetro caracterízase por ter unha porta estreita de 1,4 m. de alto. O situado máis ao sur estaba cuberto de tella a unha caída e tiña tres rodicios. Este debeu ser construído a comezos do s.XVII porque está inventariado no ano 1753 a nome de Andrés Suárez. Encóntranse en estado ruinoso e cubertos de maleza.

Augas abaixo da cascada, na marxe dereita, existían uns batáns das que só se conservan algúns restos. Frente a estos batáns, onde desemboca o río de Bustelo, existe unha paraxe coñecida como “A Insua”, que se comunicaba a través dun vao polo río de Bustelo ata o camiño do lugar de Cernado. En este terreno existía un muíño-vivenda, de maquía e tres rodicios, coñecido como “Muíño da Ínsua”. Foi inventariado no ano 1753 a nome dos abades Agustín e Rosendo Montes, curas da parroquia de Coucieiro. Non se encontran restos deste muíño sobre o terreo, pero persoas de avanzada idade recordan falar do Muíño de Fandiño e dun batán que foi destruído por unha forte riada, según contou un veciño, o día que se afogou “O Gallego de Senande”, persoa moi coñecida.

  • Modesto García Quintáns.
 

Novas relacionadas

O Modesto Patrimonio

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios