Moirame descubre os seus segredos a través dunha serie de visitas teatralizadas
11:26 26/07/18
A longo dos meses de agosto e setembro realizaranse un total de oito visitas teatralizadas de "O segredo de Moraime"
Para divulgar dun xeito lúdico e participativo a historia de Moraime, o concello de Muxía poñerá en marcha este verán unha serie de visitas teatralizadas das que se encargará a compañía Os Quinquilláns e que levan por título "O segredo de Moraime". En total serán 8 visitas teatralizadas que se desenvolverán entre os meses de agosto e setembro. Esta iniciativa súmase a outras xa consolidadas como a do Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo e o Dolmen de Dombate.
A nova campaña turística presentouse o pasado martes no hotel Monasterio de Moraime nun acto no que estiveron o alcalde de Muxía, Félix Porto, e os dous actores de Os Quinquilláns - Lucho Penabade e Tero Rodriguez - que se encargarán das representacións. O texto que se vai representar, orixinal de Tero Rodriguez, é un achegamento de xeito lúdico á historia e o misterio que envolve este lugar de grande relevancia para a Costa da Morte e para toda Galicia. Haberá dúas personaxes, Silvina e o monxe Golías que nos achegarán a estes misterios e sentido do lugar.
O alcalde explicou tamén que estas actividades son unha nova chamada de atención para que a Xunta cumpla o seu compromiso de poñer os medios técnicos necesarios para levar a cabo o convenio coa Universidade de Santiago para abrir as excavacións da contorna de Moraime, que xa foran abertas por Chamosos Lamas nos anos setenta e onde hai dende unha "villae romana", ata enterramentos suevos e restos do mosteiro medieval. O concello e a Deputación da Coruña chegaron a un acordo para poñer ambos cartos sobre a mesa pero é necesario o apoio da Xunta para non ter atrancos con patrimonio que demoren estes traballos. A consellería de Cultura adquiriu o compromiso en xaneiro deste ano ainda que, segundo o concello, de momento non hai ningunha resposta máis. Polo que o rexedor muxián reclama atención sobre un lugar emblemático que precisa un traballo de recuperación e posta en valor que o concello está disposto a sacar adiante. No seu día o concello reclamando atención e presentando un proxecto de recuperación na Xunta, que incluía a restauración das pinturas, que tras longos anos de espera, por fin foron recuperadas neste ano 2018.
A Cea do Infante Afonso
O evento da Cea do infante Afonso será en agosto (25 e 26 de agosto) outra das actividades que un ano máis o concello de Muxía desenvolverá para reclamar esta atención sobre Moraime. Entre as actuacións atópase un concerto de Xoan Curiel "Ao encontro de Martín Códax", que será o sábado a partir das 20:00 horas no interior da igrexa e xa o domingo, ás 13:00 horas, haberá Vox Stellae ofrecerá un concerto tamén no interior da igrexa.
Datas das visitas teatralizadas
- 4 agosto: ás 12:30 horas
- 18 agosto: ás 11:00 horas
- 25 agosto (dentro do evento da Cea do infante Afonso): ás 12:30 horas
- 26 agosto (dentro do evento da Cea do infante Afonso): ás 10:30 horas
- 15 setembro: ás 12:30 horas
- 16 setembro: ás 12:30 horas
- 22 de setembro: ás 12:30 horas
- 23 de setembro: ás 12:30 horas
- Formalizado o contrato de restauración das pinturas do muro norte da igrexa de Moraime
- A Xunta restaurará parte das pinturas da igrexa de Moraime despois do verán
- Selvita deixa orfo o Mosteiro de Moraime
- Saen a luz os “papeis segredos” gardados no mosteiro de Moraime.
- A orixe dos Benlloch no Finisterrae galego no século XX
- Unha viaxe pola historia dos Señoríos de Nemancos con Kike Benlloch.
- Un berro cultural para restaurar os conxuntos de Moraime e San Mariño de Ozón.
Outros artigos de interese
- Viki Rivadulla: Moirame, o tesouro escondido da Costa da Morte.
- Manuel Vilar: Moraime: nas orixes dunha terra milenaria.
- Lema Suárez: A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Muxía