A RAG pecha o ano das Letra Galegas en Muxía
O vindeiro sábado 22 de novembro, o Parador de Muxía acolle o acto de peche da programa das Letras Galegas da Real Academia Galega, nesta edición dedicada ás cantareiras e da poesía popular oral. A vila da Barca (por Eva Castiñeira) foi, xunto a Malpica (polas pandereteiras de Mens) e a Cerceda (por Rosa e Adolfina Casás) foron os epicentros deste curso, e a vila da Barca servirá para facer balance.
Será cun encontro, aberto a todo o público. “Cremos que a Academia non se trabucou na escolla, pois nunca unha celebración das Letras Galegas, e son testemuña das cincuenta e dúas edicións, tivo unha resposta popular como a deste 2025”, valora o académico Antón Santamarina.
Coautor do Cancioneiro popular galego que recompilou a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e un dos propoñentes destas Letras, Santamarina asumiu a coorganización do simposio xunto a María López-Sández e Víctor F. Freixanes. Os tres académicos concibiron un programa no que se falará de cuestións como o papel que tiveron os colectores do folclore galego, do aproveitamento do cantigueiro como recurso didáctico e do que este representa “como espello da vida material e espiritual do pobo galego”.
Haberá ademais ocasión para repensar a tradición desde o xénero e a clase social. Será nunha mesa redonda que contará con Domingo Blanco, autor d’A Poesía Popular de Galicia (1745-1885), a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e mais a etnomusicóloga Xulia Feixoo, co propio Santamarina como moderador.
Programa do 22 de novembro

A xornada, organizada pola RAG coa colaboración da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Concello de Muxía, inaugúrase ás 9:45 horas e continuará con senllas conferencias desde o campo da etnomusicoloxía a cargo de Xulia Feixoo e Sergio de la Osa.
Tras a devandita mesa redonda, xa pola tarde Manuel Rico Verea ofrecerá unha ollada á edición dos cancioneiros populares desde Marcial del Adalid ata chegar ao traballo de Schubarth e Santamarina. Deseguido o músico Xabier Díaz, o tamén músico e neto e sobriño neto das homenaxeadas Rosa e Adolfina Casás Rama, Richi Casás; e mais Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, farán balance destas Letras Galegas e reflexionarán sobre as perspectivas de futuro da tradición, nun diálogo que dirixirá a académica Ana Boullón, impulsora da candidatura das cantareiras.
O encontro concluirá coa actuación musical da A.C. Abaladeiras de Muxía, unha das moitas asociacións do país que son parte dunha “efervescencia cultural vinculada á lingua galega e á tradición moi potente” que contribuíu ao “grande impacto social e popular” deste 17 de maio, recoñece María López-Sández.



