Sábado. 08.08.2020
El tiempo

Moisés López, de MuxiArte: "Cremos que polo que lle gustamos á xente é porque facemos todo 100% personalizado"

Os muxiáns Moisés e Reyes levan xa 4 anos con MuxiArte.
Os muxiáns Moisés e Reyes levan xa 4 anos con MuxiArte.
Moisés López, de MuxiArte: "Cremos que polo que lle gustamos á xente é porque facemos todo 100% personalizado"

A vida sempre pode dar moitas voltas e moitas veces os camiños polos que che remata levando, son totalmente inesperados. A historia de Moisés e Reyes é o claro exemplo disto. Ambos criáronse toda a súa a vida en Muxía (Moisés é natural de Viseo e Reyes de Nemiña), mais levan máis de 10 anos vivindo Calatayud (Zaragoza) polo traballo de Moisés.

Un día, a propia inquietude do de Viseo, levouno a recrear un reloxo de parede de madeira e, sen ter ningún tipo de experiencia previa co traballo deste material, púxose mans á obra. Ao final, despois dese primeiro reloxo, entre unha e cousa e outra e a súa inquedanza pola elaboración en madeira, os muxiáns terminaron creando MuxiArte.

“Todo comezou cun pino gravador copiando debuxos. Eu, como tiña bastante tempo libre e non son capaz de estar quedo, un día doume por facer un reloxo de madeira de parede que vin por internet. Cando o rematei, subino ao meu perfil de facebook e á xente parecía que lle empezaba a gustar”, explica Moisés sobre os seus inicios.

A cousa foi xurdindo, e recoñecen que “ un pouco sen pensalo”, remataron cunha empresa de artesanía. A pesares de que cada un segue cos seus respectivos traballos a día de hoxe, en canto viron que o tema da artesanía ía a máis, decidiron “facer as cousas ben “ e recoñecer MuxiArte como empresa, instalándose incluso nunha nave dun polígono industrial para poder profesionalizar o seu traballo. E, tras uns catro anos no mundillo da artesanía, Moisés confesa que “estamos moi contentos. É algo que nos enche, que nos gusta, e que á xente tamén parece que lle gusta”.

Reyes Muxiarte

“Sen límites”

A premisa de Reyes e Moisés en MuxiArte é moi clara: non hai límites. “Empecei facendo ese reloxo e despois Reyes buscaba deseños para facer dun xeito, doutro... Fomos pouquiño a pouco, pero agora facemos de todo. A xente pídenos incluso cousas super raras e intentamos facelas en madeira”, explica Moisés.

muxiarte3

Ademais, unha das cousas que máis poñen en valor do seu traballo é que todo sexa único, pois ao estar feito a man, non hai dous obxectos iguais. De todos modos, sempre que lles piden algún produto que xa fixeron con anterioridade, intentan convencer ao comprador para que o personalice de tal maneira que non sexa igual igual ao que xa viron.

“Non nos gusta repetir as cousas. Se unha persoa cómpranos unha caixa e outra persoa outra, van a ser totalmente diferentes, non ten que ver unha cousa coa outra. Pretendemos que todo sexa diferente e único e cremos que polo que lle gustamos á xente é porque facemos todo 100% personalizado”, comenta o muxián.

muxiarte 5

O futuro de MuxiArte

Nun contexto coma este, e descubrindo que o que comezou coma unha afición, agora é un modo de traballo, é inevitable mirar cara adiante e pensar en futuro. Para Moisés e Reyes, o seu plan é poder voltar á terriña e seguir con MuxiArte como modo de vida. De feito, ambos compraron dende hai uns anos unha casa no Concello de Dumbría, e queren abrir unha tenda alí con toda a súa artesanía cando volvan á Costa da Morte para quedar definitivamente.

“A nosa idea, con respecto á tenda, é ir facendo produtos que nós sabemos que se venden ben, como por exemplo, reloxos, bolígrafos... e telos todos expostos para que a xente poida vir, elixir o que máis lles guste e despois personalizalos gravándoos, pintándoos ou o que sexa”, afirma Moisés.

muxiarte 6taboleiro monopoly costa da morte muxiarte

Ambos teñen claro que queren vir para aquí, e calcularon que dentro duns 3 anos, isto podería ser xa unha realidade, mais é algo incerto. Mentres tanto, todos aqueles interesados en adquirir un produto de MuxiArte, poden contactar con eles a través do seu Facebook ou Instagram. Alí, ademais, suben fotos de moitos dos produtos que van facendo.

Mais, se estades pensando en conseguir algo de MuxiArte nestes momentos, a cousa vai ter que esperar polo menos uns mesiños, xa que a recente chegada de Sara, a súa primeira filla, terá paralizado o traballo ata o outono.

 

comentarios