Muxía arrasa nos premios de Xestión Cultural co Proxecto Buserana e a Galería Mulleres


Así dá gusto comezar unha andadura pola rede. O recentemente nado Proxecto Buserana vén de recibir o primeiro do Concurso de ideas e Proxectos para Xestión Cultural que organiza este blog do sector da Xestión Cultural galega.
Pero é que Muxía ten un protagonismo especial neste certamen, pois a proposta da Galería Mulleres acadou o terceiro premio, deixando só espacio ao Proxecto Socheo.
Dende Xestión Cultural afirman que escolleron estes proxectos porque co "seu bo facer e a calidade do seu traballo, transformaron unha iniciativa inestable, con base feble e marcada pola incerteza, nunha experiencia moi positiva, que alcanza os seus principais obxectivos e senta liñas de traballo futuro".
"Os tres proxectos seguen activos, poñendo en valor a realidades culturais e creatividade na xestión cultural. Tamén seguen activos neste blog, formando parte agora do “banco de ideas innovadoras”, ideas para consultar e inspirar outras, abrindo camiño a novas achegas que compartir", continúan.
Recordamos que o Proxecto Buserana é un proxecto aberto de recuperación de patrimonio inmaterial, que conta coa participación dos veciños.
Mentres, a Galería Mulleres, que xa leva varios anos en marcha, traballa pola visibilización e difusión do traballo da muller, repasando a historia a través dos nomes, en feminino, que máis influíron nas nosas vidas.
Dous proxectos, por certo, promovidos por unha colaboradora desta casa, Viki Rivadulla.
Máis información
Novas relacionadas
- Fina Casalderrey. Unha académica da RAG para o febreiro da Galería Mulleres.
- Muxía garda o seu Patrimonio Cultural Inmaterial no Proxecto Buserana.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).