O Batallón Literario celebrou entre versos o seu 25 aniversario
Este sábado, o Parador de Lourido acollía o que se pode considerar “O” Recital Poético polo 25 aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte. O lugar escollido por un dos seus grandes promotores, Modesto Fraga, así como a cantidade de invitados que puideron acodir, fixeron da cita deste nadal como unha das máis singulares, collendo o relevo do evento celebrado o ano pasado en Fisterra.
Unhas 70 persoas disfrutaron das 3 horas de intervencións, políticas e poéticas, pois non quixeron faltar vari@s alcaldes/as e concelleir@s da comarca, así como Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, ou Rafael Mouzo e Alfredo González, míticos políticos corcubioneses moi vinculados ao movemento nos anos 90. Tamén quixo deixar a súa palabra o director do Parador, Julio Castro.
Pasaron polo estrado, ademais de Manoele de Felisa co seu concerto Cancionerio do Camiño, xentes tan representativas como Alexandre Nerium, Concha Blanco, David Creus, Estevo Creus, Marilar Alexandre, Miro Villar, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Rafa Vilar e Serxio Iglesias.
Non faltaron ás lembranzas, en verso, a compañeir@s que non puideron asistir como María Lado, Xandra Tedín, Miro Villar, Tomás Lijó, María Xosé Canitrot, Pilar Beiro, Abel Mendes, Suso Bahamonde, María Canosa ou Xaime Trillo, entre outros moitos.
Modesto presentou dous novos traballos: unha edición facsimilar da folla voandeira “Feros Corvos,e a antoloxía poética homónima, preparada por Teresa Seara e publicada pola editorial Chan de Pólvora, que forma parte da colección Cova da lontra da editorial. Como agasallo de despedida, os convidados recibiron un exemplar de cada un.
Novas do Batallón
- 2020: O Batallón Literario da Costa da Morte reactívase, 24 anos despois, dende a fin da terra .
- Miro Villar: A vinte anos da antoloxía “mar por medio”, unha ponte entre poetas cubanos de Holguín e poetas da Costa da Morte.
- Álex López: 21 anos de Arre Sentelha e do Batallón Literario da Costa da Morte.
- 2012: O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.