Piden un recoñecemento municipal para destacadas deportistas muxiáns

O BNG de Muxía defenderá unha moción no vindeiro Pleno da Corporación na que solicita apoio do Concello para deportistas individuais, realizando recoñecementos puntuais ou mediante unha gala do deporte a clubs, deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces deportivos do municipio que acaden éxitos deportivos relevantes.
A iniciativa tamén recolle que se incorpore nas partidas orzamentarias anuais unha cantidade destinada a bolsas para deportistas do municipio que tomen parte en competicións oficiais de carácter estatal ou internacional, e que se elabore e publique un regulamento no que se establezan as condicións para acceder ás citadas axudas.
A portavoz do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, lembrou que “o Concello vén destinando axudas a asociacións deportivas como o club de fútbol ou a asociación de cazadores”. Porén, a concelleira nacionalista subliñou que “as e os deportistas individuais do noso municipio que compiten a nivel estatal e mesmo internacional levan moitos anos sen recibilas para sufragar os gastos de participación en competicións que poden supor para eles ou as familias un dispendio importante e mesmo un hándicap para poder continuar as súas carreiras deportivas”.