O PP aproveita a crise do mar para criticar a “incoherencia” do PSOE e o “oportunismo” do BNG
No marco das mobilizacións, o PP realizou unha visita ao peirao de Muxía. En presenza da teniente de alcalde Sandra Vilela, da voceira do PP camariñán, Paula Mouzo, a edil fisterrá Jenifer Suárez, e do PP de Corcubión, José Buiturón, a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, quixo demostrar así o seu apoio ao sector.
Non lembrou Prado o voto a favor do seu partido europeo para aprobar o Regulamento Europeo de Control a pesar das mobilizacións do sector en 2021. Si asegurou que o PP ten unha posición “clara e coherente”, fronte á “incoherencia” do PSOE e o “oportunismo” do BNG.
“Somos o Partido da Pesca, como din as nosas siglas: PP. E nunca imos deixar tirados aos nosos mariñeiros”, sinalou durante unha visita á lonxa de Muxía, acompañada da portavoz local e tenente de alcalde, Sandra Vilela, e doutros representantes do partido na comarca.
Prado puxo en valor a posición “clara e coherente” do PPdeG co sector, fronte a un socialismo “tan entretido cos seus asuntos de corrupción que a pesca é a súa última prioridade” e un independentismo “que en Europa segue aliado co Grupo dos Verdes, que apoiou o veto á pesca de arrastre”.
“Que non nos enganen. O BNG fai populismo: non conseguiu bloquear o acordo de Mercosur, senón que provocou o efecto contrario. Abriu a porta a que se puidese aplicar de xeito inmediato, pero sen o regulamento das cláusulas de salvagarda. E no PP non imos consentilo”, dixo. De feito, explicou, enviar o acordo co Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE “amplía a agonía do campo”.