luns. 19.01.2026
El tiempo

O sector do mar da Costa da Morte uniuse en Corcubión contra o Regulamento Europeo de Control

Manifestacion en Corcubion do sector do Mar contra o regulamento de control
Manifestación en Corcubión do sector do mar contra o Regulamento Europeo de Control
O sector do mar da Costa da Morte uniuse en Corcubión contra o Regulamento Europeo de Control

Despois da manifestación realizada esta mañá por terra e por mar no Parrote, na Coruña, á que acodía tamén unha importante representación do mar da Costa da Morte (con xentes de Corme, Malpica, Laxe, Camariñas, Camelle, Corcubión…), o sector da comarca concentrouse esta tarde en Corcubión.

Manifestacion do sector do Mar en Corcubion contra o Regulamento Europeo de Control do DEA Somos pescadores non oficinistas
Foto de Luís Corral

Coincidindo co primeiro día oficial da folga indefinida convocada polo sector ante a posta en vigor do Regulamento Europeo de Control, centos de xentes do mundo do mar achegáronse ata a vila de San Marcos para amosar o seu rexeitamento rotundo a unhas medidas deseñadas nos “despachos”.

Cunha pancarta realizada polas confrarías co lema “Por un Regulamento de control Xusto”, deixaban ver que “Somos pescadores, non oficinistas”, en relación ás medidas que se puxeron en vigor o pasado 10 de xaneiro en relación ao Diario Electrónico de Abordo.

Manifestacion do sector do Mar en Corcubion contra o Regulamento Europeo de Control do DEA
Manifestacion do sector do Mar en Corcubión contra o Regulamento Europeo de Control do DEA. Fotos: Luís Corral

As principais medidas que o sector considera inviables son a pesada a bordo especie por especie, con multas de 3.000€ se te equivocas nun 20%; e a necesidade de avisar con 4 horas de antelación a chegada a porto, para unha pesca de baixura que traballa a media hora do porto, e que non sabe cando vai ter conseguido a pesca diaria.

Roberto Vidal, patrón maior de Corme, Luis Novo, patrón maior de Laxe, e Pepe Buiturón, da Confraría de Corcubión, explicaban ben as demandas do sector esta mañá ao Xornal da Coruña:

Acordo en Madrid

Ata Madrid tamén se desprazou un grupo de mariñeiros da Costa da Morte (de Corcubión, Sardiñeiro, Muxía e Fisterra, saíndo en AVE case de madrugada e volvendo esta mesma noite) para berrar diante do Ministerio que” os pescadores son profesionais, non delincuentes”, metendo presión así ao goberno estatal para que realice as xestións necesarias coa UE para eliminar os puntos máis conflitivos do novo Regulamento.

Concentracion en Madrid do setcor pesqueiro
Imaxe da concentración en Madrid

Foron testemuños dos acordos asinados pola Secretaría General de Pesca, que adoptará una resolución para establecer que os erros ou omisións na estimación das cantidades no DEA para especies con capturas inferiores a 50kg, non constitúan unha infracción, sempre e cando cando a declaración de desembarque, recolla a cifra correcta de cantidades por especie. Darán instrucións concretas ás unidades de inspección para aplicar as disposicións da resolución.
Ademais, o goberno de España solicitará á Comisón Europea para que eses erros na estimació non constiiúan un incumprimento da normativa.

Así mesmo, en canto á outra esixencia principal a mesma resolución establecerá que a notificación de desembarque se realizará no momento no que o buque poña rumbo ao porto, polo tanto non é necesario avisar con 4 horas de antelación para evitar esperas innecesarias.

Camariñas traslada a preocupación a Nadia Calviño

Representantes de Camariñas, Camelle, Malpica, Laxe, Corcubión, Corme ou Camariñas, na concentración desta mañá no Parrote
Representantes de Camariñas, Camelle, Malpica, Laxe, Corcubión, Corme ou Camariñas, na concentración desta mañá no Parrote

Ademais de estar presente cunha completa delegación pola mañá na Coruña, o Concello de Camariñas quixo trasladar á Nadia Calviño a preocupación do sector pesqueiro de Camariñas ante a perigosidade da nova normativa europea. A alcaldesa contactou directamente coa presidenta do Banco Europeo de Inversiones para alertar de que medidas como o preaviso de 4 horas ou a pesaxe a bordo poñen en risco a vida dos mariñeiros na Costa da Morte.

O BNG

BNG da Costa da Morte en Corcubion co sector do mar
Membros do BNG da Costa da Morte en Corcubión co sector do mar

Tamén o BNG, que onte lanzaba un comunicado reclamando a exclusión da frota artesanal do Regulamento, estivo presente nas dúas manifestacións. Pola mañá foi o deputado no Congreso estatal Néstor Rego o que estivo presente, e pola tarde participaron na protesta de Corcubión.

Os nacionalistas anunciaron que os seus grupos municipais presentarán mocións nos concellos da bisbarra para instar á Xunta e ao Goberno de Estado a tomar medidas en favor do sector, e sinalaron que a normativa impulsada polas autoridades europeas foi fortemente cuestionada polos traballadores do mar e diferentes organismos do ámbito pesqueiro galego.

O BNG subliñou que as mobilizacións están a producirse especialmente por non ter en conta as características específicas da pesca artesanal, que leva anos demandando un tratamento diferenciado, atendendo á singularidade da súa actividade, ao seu carácter respectuoso co medio mariño e á súa importancia económica e social nas vilas costeiras, como acontece en diversas localidades da Costa da Morte, onde contribúe á fixación de poboación, á xeración de emprego e á dinamización económica local.Outras das cuestións que o BNG defende é a de pedir ao Goberno do Estado a eliminación da retroactividade nas sancións asociadas ao Regulamento, evitando que estas impidan o acceso ás axudas do FEMPA.

O BNG reclama a exclusión da frota artesanal do Regulamento Europeo de Control da Pesca

Máis novas do conflito

Comentarios