O Circuíto de Baloncesto 3x3 da Deputación volve a Carballo

A Deputación da Coruña pon en marcha o Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña, unha proposta dirixida ao deporte base e que se desenvolverá en tres concello da provincia: Carballo (fase previa- 7 de xuño), Ordes (fase previa- 14 de xuño) e Brión (fase final-28 de xuño).
A iniciativa, que se realiza en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, está dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2016 con licenza federativa para a presente tempada 2024-2025 e pertencentes a equipos de baloncesto da provincia da Coruña.
Establécense tres categorías: Preminibasquet (nados no 2015 e 2016), minibasquet (nados no 2013 e 2014) e infantil (nados no 2011 e 2012).
Cada club poderá inscribir un máximo de tres equipos, que estarán integrados por un máximo de catro xogadores e un mínimo de tres. Ademais, cada equipo deberá contar cun responsable que terá que ser un representante do club con licencia federativa e maior de idade.
Inscricións abertas
As inscricións, que son completamente gratuítas, deben realizarse a través da intranet no portal de clubs da Federación Galega de Baloncesto: https://fegaba.gesdeportiva.es/clubes. Poderanse inscribir un máximo de 16 equipos por categoría e sedes das fases previas.