126 pilotos para bater todas as marcas no Campionato de España de Autocross de Carballo
Xa está en marcha o 18º Autocross Carballo – Campionato de España de Autocross (CEAX). Unha edición de récord absoluto, tanto a nivel autonómico coma estatal, con 126 pilotos participantes. A proba, que se disputará os días 10, 11 e 12 de xullo no Circuíto Municipal de Bértoa, promete tres xornadas vibrantes cheas de emoción, velocidade.
O acto de presentación contou coa participación de representantes institucionais e deportivos, que coincidiron en sinalar a magnitude que alcanzou esta cita no calendario do motor.
Ernesto Rumbo, presidente do Rally Club Coruña (entidade organizadora) e director de carreira, anunciou con orgullo que esta décimo oitava edición bate marcas históricas, e tamén quixo amosar o seu agradecemento á acollida que ten sempre no noso concello, tanto que "en Carballo _dixo_ síntome coma na casa".
Tres días de competición
A actividade oficial arrancará o venres 10 de xullo coas verificacións técnicas obrigatorias e a entrega de documentación no Parque Rego da Balsa, seguidas das sesións de adestramentos libres no circuíto a partir das 16:00 horas. O sábado 11 disputaranse as primeiras mangas clasificatorias, e para o domingo 12 de xullo quedará o momento máis esperado coas grandes finais e a posterior entrega de trofeos.
O 18º Autocross de Carballo será puntuable para as principais categorías de Turismos (División I e II), Buggies, Car Cross, Car Cross Series e Júnior Car Cross, o que garante variedade e espectacularidade na pista.