O Gran Camiño arrinca a súa 3ª etapa dende Carballo pasando Coristanco, Mazaricos e Santa Comba
Coa vitoria do galego Carlos Canal dunha segunda etapa que deixa ao portugués Rafael Reis co maiot amarelo, chega este xoves 16 de abril a rolda do Gran Camiño á comarca para desenvolver a súa 3ª etapa. Falamos dunha das citas máis importantes do calendario deportivo galego, que converterá o centro urbano nun escaparate do ciclismo de alto nivel coa saída oficial da xornada.
A etapa partirá dende o corazón de Carballo para afrontar un esixente trazado de 173 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 2.453 metros. Tras abandonar o casco urbano, o pelotón dirixirase cara ao Alto do Campelo (3ª categoría), e atravesará concellos como Coristanco, Santa Comba, Noia, O Porto do Son e Ribeira. O tramo final estará marcado pola dureza do Pico Muralla (2ª categoría) e o Alto de Formarís, antes de disputar a meta na histórica vila de Padrón.
A actividade en Carballo comezará desde cedo na zona centro, onde a veciñanza poderá seguir de preto todos os preparativos:
- 11:00 h – 13:00 h: Movemento de ciclistas dende a zona de equipos (Rúa Pontevedra/Vázquez de Parga) cara á Praza do Concello para o control de firmas e a presentación oficial.
- 12:45 h: Despregue do dispositivo de seguridade e saída da caravana publicitaria.
- 13:15 h: Saída oficial dos corredores dende a zona da Praza.
Dispositivo de tráfico por Carballo
Para garantir o correcto desenvolvemento da proba, o Concello activará un dispositivo especial de tráfico:
- Haberá cortes intermitentes de circulación nas rúas Vázquez de Parga e Valle Inclán a partir das 11:00 h.
- A rúa Valle Inclán quedará pechada ao tráfico de xeito permanente dende as 13:00 h ata o paso total da carreira.
- Na zona da Praza do Concello tamén haberá limitacións de circulación, xa que a xornada deportiva coincide co mercado semanal.
- Nas rúas Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Pontevedra e Cervantes non estará permitido o aparcamento, xa que son as zonas reservadas para os vehículos da carreira.
- Prevese que a normalidade na circulación se restableza arredor das 13:30 h, unha vez a caravana abandone o casco urbano.