Máis de 200 deportistas desafiaron ao tempo no XIV Duatlón de Reis
- Manuel Piñeiro López e María del Mar Delgado González, gañadores absolutos do Campionato Galego de Duatlón Cross e do XIV Duatlón de Reis
Os fortes ventos e a intensa chuvia non foron obstáculo para as máis de 200 persoas que se deron cita na mañá deste domingo no XIV Duatlón de Reis. A proba, que xa se consolida como un dos eventos deportivos máis importantes da Costa da Morte e da provincia da Coruña, volveu coroar a María del Mar Delgado González (Club Tríatlon Ferrol) como gañadora absoluta da categoría feminina mentres que Manuel Piñeiro López (Cidade de Lugo Fluvial) acadou o primeiro posto na masculina. Piñeiro López chegou á liña de meta nun tempo de 01:31:32, conseguindo ser campión deste evento deportivo por terceira vez.
Delgado González, pola súa banda, revalida o título por sexta vez ao conseguir, este ano, a primeira posición cunha marca de 02:01:54. Ademais, ambos os dous foron coroados como campión e campioa galegos xa que esta edición tamén é Campionato Galego.
Por outra banda, este ano celebrouse un circuíto mozo para as categorías cadete, xuvenil e júnior na distancia supersprint. Na cadete masculina sobresaíu Raúl Naveira Filgueiras (independente por un día) e na feminina Mariña Esmorís Varela (A. Polideportiva San Ramón de Vilalba).
Na categoría xuvenil acadaron o primeiro posto Anxo Bello Rodríguez (A.D. Fogar) e Lucía Piñón Pereira (A.D. Náutico de Narón); mentres que no ámbito júnior destacou Rubén Otero Losada (A.D. Fogar) na modalidade masculina e Ainoa Gontán Iglesias (Tríatlon Inforhouse Santiago) na feminina. No apartado de relevos, puntuable para o circuíto galego, Damián Novoa Rodríguez e José Ramón Villanueva Sabucedo (Codigobike) conseguiron o mellor tempo con 01:34:18 na categoría masculina, mentres que na mixta destacaron Alberto Gómez Vila e Noemi Pena Carbón (Atosteam) con 01:51:30. Por último, entregouse un recoñecemento a Gabriel Castiñeira Pais (Tríatlon Costa da Morte) por quedar primeiro na categoría local e cuarto na proba xeral.