Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Nace o Motoclub Vákner XC coa primeira carreira de Quad Cross no horizonte

Motoclub Vakne Presentacion Conco
José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría, e a directiva do Motoclub Vákner XC presentaban oficialmente esta nova entidade deportiva que nace no Concello de Dumbría.
Nace o Motoclub Vákner XC coa primeira carreira de Quad Cross no horizonte

Presentouse esta fin de semana no Conco unha nova entidade deportiva no concello de Dumbría. Trátase dun club que chega ao panorama deportivo querendo promover a iniciación no mundo “offroad” na Costa da Morte.

A afección a este deporte non é nova en Dumbría. Mostra disto é que na directiva do club, integrada por 5 mozos (3 deles de Dumbría), están dous dumbrieses que xa se fixeron un nome no panorama galego e nacional ao longo de moitos anos. Entre as cabezas visibles desta directiva están Toni Trillo e José Manuel Conde.

Toni foi campión galego de resistencia 2008, de quadcross 2009 e gañador do Campionato Ibérico Oftrack 2014 e 2016; foi subcampión nacional de Raids Copa Burn 2011, Baja Iraty 2012 e Castilla León de Cross Country 2016, ou participou na Baja Aragón, entre outras.

José Manuel, que asume as tarefas de presidente deste motoclub, foi gañador do campionato de Castela e León Crosscountry 2015, campión galego quadcross Q2 2016, campión galego de quadcross e terceiro no campionato de España quadcross 2021.

A entidade arranca a súa andadura con 48 socios/as chegados de distintos concellos da comarca e comeza mañá mesmo coa primeira das moitas actividades que teñen previsto realizar, un curso de iniciación á condución, que terá lugar en circuíto pechado en Dumbría.

Motoclub Vakner Dumbria

Primeira carreira

O día 26 de xuño terá lugar a 1ª carreira federada Quad Cross Concello de Dumbría, que será a primeira destas características que se celebre na Costa da Morte e das poucas que existen en Galicia.

Pequeño quixo manifestar a importancia que para este Concello ten o feito de que se cree unha nova entidade deportiva que dará acollida á gran afección que estas disciplinas moven. Manifestoulles, así mesmo, a predisposición do Concello para apoiar as actividades que pretenden levar a cabo.

Conde sinala que o club, que adopta o nome do Vákner, figura que os inspira na forza e na garra que sempre definiu aos deportistas da Costa da Morte, nace co ánimo de que estas actividades coas que comezan o ano teñan continuidade no tempo e que o club medre cada día.

Comentarios