Record de participantes para os 18 anos da BTT de Monteneme

09:11 02/10/21
400 persoas participarán este domingo 3 de outubro na 18ª edición da Marcha BTT Costa da Morte. O presidente do organizador Club Ciclista Monteneme, Víctor Gende, destacou durante a presentación que entre os/as participantes haberá ciclistas de toda Galicia, e ademais incidiu en que, aínda que se mantén o trazado clásico da ruta, este ano introdúcese unha nova distancia.
Estas son as tres opcións:
- Marcha de 35 quilómetros: Ruta asequible, tanto física como tecnicamente, para ciclistas novos/as e para aqueles/as que queiran desfrutar do domingo descubrindo a subida ao Cotón de Santa Cecilia, en Coristanco, dende onde emprenderán o regreso a Carballo.
- Marcha de 51 quilómetros: Ruta de dificultade media-baixa, na que habrá alternativas aos puntos de maior dureza para que todos/as os/as participantes poidan desfrutar dunha mañá de BTT e coñecer o balcón de Santa Mariña, en Razo.
- Maratón de 74 quilómetros polos concellos de Carballo, Coristanco e Malpica: Destinado a todos/as aqueles/as participantes que ao rematar anteriores edicións pedían novos retos á organización. Esta é a única distancia competitiva, puntuable para a Copa Galicia e o ránking nacional de XCM.
A saída realizarase en todos os casos dende o Fórum Carballo, onde tamén estará situada a meta.