Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A única carreira que atravesa granxas

clasica Gandeira Santa Comba 2022
Imaxe da Clásica Gandeira de Santa Comba do ano pasado
A única carreira que atravesa granxas

A Clásica Gandeira de Santa Comba é única en toda España. A carreira 10K xalleira presume de orixinalidade ao atravesar, de verdade, 3 granxas de vacas: a SAT Os Agros, a Ganadería Maleiro e a Ganadería Redondo. O alento das vacas mesturarase co dos esgotados deportistas que pasarán por alí, convertendo o gando nun espectador de luxo.

Este domingo 2 abril é o gran día e aínda queda ata o xoves ás 23:59h para poder inscribirse en www.rockthesport.com. O ano pasado foron máis de 400 as persoas que participaron nalgunha das categorías, e este ano a participación está sendo semellante aínda cun día de marxe.

O percorrido de proba de 10 quilómetros transcorre nun 70 % por asfalto e un 30 % por terra, coa intención de meterse no calendario de pedestres singulares como pode ser a do casco vello de Santiago, a da bahía de Vigo, o xa mítico San Martiño ou algunha das probas do circuito Correndo a Costa da Morte.

A proba xalleira non pode competir coas grandes carreiras que contan con orzamentos moito máis elevados que a de Santa Comba, pero dende o Concello xaleiro tentan atraer participantes con outros atractivos orixinais como un fotomatón que lles permitirá a todos facer unha foto tipo viñeta, ou unha camiseta de agasallo que se entregará ao recoller o dorsal e que este ano contará cun logotipo orixinal, un food truck a disposición tanto de deportistas como de acompañantes e unha orixinal entrega de premios onde as caixas do podio estarán formadas por fardos de seco herba.

Poñendo en valor o agro

Non é máis que unha demostración do poder do sector agrario, do sector gandeiro, na comarca do Xallas. De aí a homenaxe que o Concello lle rende a través dun evento deportivo. Para unir ambas as actividades, nada mellor que unha carreira a pé que poida demostrar que as explotacións gandeiras de hoxe en día suman innovación.

As carreiras

A carreira xalleira, cun 70% de asfalto e un 30% de terra, divídese en varias categorías. Os Pitufos (nacidos en 2016 e anos posteriores) percorrerán, a partir das 11:25 horas, unha distancia de 300 metros; Sub10 (nacidos nos anos 2014 e 2015) e Sub12 (nacidos nos anos 2012 e 2013) percorrerán un quilómetro a partir das 10:30 horas. Os Sub14 (nacidos nos anos 2010 e 2011), o Sub16 (nacidos nos anos 2008 e 2009) e o Sub18-Sub20 (nacidos entre os anos 2004 e 2007) participarán nunha proba de 3 km a partir das 10.45 horas.
Ningunha destas carreiras pasa polas granxas, aínda que a organización xa traballa para que en sucesivas edicións poida facelo polo menos a proba que abrangue os 3 quilómetros de distancia.

A carreira máis importante, a 10K, da mañá comezará ás 11:30 horas e o seu percorrido será de dez quilómetros. Haberá varias categorías: Sénior (nacidos de 2033 a Master), Master 1 (de 35 a 45 anos o día da proba), Master2 (de 46 a 55 anos) e Master 3 (de 56 anos en diante).

Amador Pena, do Santiago, do SD Compostela Atletismo, e Rocío Alvite Ferreiro do Mazarica, do Club Atletismo Sar, parten como favoritos aínda que terán que estar atentos a José Sandá, tamén da SD Compostela; Martín Santos Suarez, do Tríatlon Costa Da Morte; e Tony Nuñez Muñiz, do Atletismo O Cotón, mentres que en categoría feminina as principais rivais serán Elena Veres Ojea e María Tarrío Martínez, ambas do SD Compostela Atletismo; Noelia Espasandín Duarte, do CorreXallas Santa Comba; Amira Simón Martínez, do Tríatlon Coruña; ou Begoña Sambade, do Olimpia de Cee.

Novas relacionadas

Comentarios