Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Vimianzo prepárase para o decisivo Duatlón Val de Soneira

  • A muxiá Barca Toba xógase o título feminino ante Aida López
Cartel Dúatlon de Estrada Vimianzo
Vimianzo prepárase para o decisivo Duatlón Val de Soneira

Vimianzo acollerá o próximo domingo 3 de abril a cuarta e última proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada. A proba, organizada polo Concello de Vimianzo e a Federación Galega de Tríatlon, será decisiva, tanto para coñecer os campións e campioas do Circuíto Galego, como para determinar as prazas para a participación no Campionato Galego de Estrada que se celebrará o 16 de abril en Pontevedra.

Nas catro probas que se disputarán o domingo daranse cita un total de 340 deportistas (262 en categoría masculina e 78 en categoría feminina) e non faltará ningún das/os favoritas/os:

En categoría masculina Gustavo Santiago (Tríatlon Poio), matematicamente campión do Circuíto, é claro favorito ao podio. Ademais poderemos ver unha bonita loita pola segunda e terceira prazas entre Facundo Medard (T. Arteixo), vixente campión do circuíto 2021, Luis Martínez (Tríatlon Rias Baixas ) e o coristanqués Cristian Muíño (Inforhouse Santiago)

Moi interesante se presenta a proba feminina con Aida López (Inforhouse Santiago) e a muxiá Barca Toba (Cidade de Lugo) empatadas a puntos, xogaranse o campionato na última proba do Circuíto. 
Ademais Silvia García Lorenzo tentará manter  a súa 3ª posición fronte a Tina Marie ( Artrogal Tri-498), vixente campioa do Circuíto 2021, e que seguramente disputará o podio da proba.
Mención especial ao debut nesta disciplina de Julia Vaquero (Inforhouse de Santiago), unha das atletas españolas máis grandes, Olímpica en Atlanta 96, 4ª no Mundial de Campo a Través no 97 e actual récord de España nos 5.000 metros.

Tamén cabe destacar a participación de dous atletas con distintas discapacidades: Borja Gómez, deportista con síndrome de down, participará na proba popular no que será o seu debut nesta disciplina; mentres que Nagore Martínez (Club Deportivo Pinarium), triatleta con displasia ósea que xa participou en xaneiro no Dúatlon de Reis, fará o propio na categoría cadete do Circuíto Mozo.

Comentarios