100.000€, con ano e medio de retraso, para renovar os pantaláns de Corme
Anunciou onte a Xunta que Portos de Galicia vai investir preto de 100.000 euros na mellora dos pantaláns e elementos auxiliares do porto de Corme. Unha actuación, “consensuada coa confraría”, que se realizará no primeiro trimestre de 2022, malia ter sido prometida en 2020 para facer o ano pasado, pero que a Xunta esqueceu realizar.
Á reunión asistiu só o alcalde, sen avisar á Confraría.
Os traballos consistirán na renovación integral do pavimento dos pantaláns con madeira tecnolóxica así como dos fingers e a pasarela de acceso. Ademais revisaranse as pezas de asento do pavimento, que son de madeira e serán substituídas por outras de aluminio. Tamén se instalará un canlón de PVC para servizos nos pantaláns renovados.
As obras inclúen tamén o saneamento de pilotes, reforzo das unións dos fingers, reposición de elementos auxiliares deteriorados e instalación dun sistema de apertura de portas co móbil así como de escaleiras abatibles, entre outras actuacións menores.