Abre o prazo para o Ponte-cedo, o servizo municipal de madrugadores de Ponteceso

Unha visita de Limpocean ao CEIP Eduardo Pondal
  •  O prazo de solicitude estará aberto entre o 15 de xullo e o 4 de setembro.

O Concello de Pontecesi volverá poñer en marcha durante o ano académico 2026/2027 o seu programa de conciliación Ponte-cedo. Trátase dunha medida que se implantará por terceiro curso consecutivo coa intención de que se converta nunha "prestación permanente para as familias do municipio". Un servizo que segue medrando, tendo en conta a evolución no número de solicitudes, pasando das 7 na edición inaugural ás 16 coas que se pechou en xuño do 2026, máis do dobre de inscritos.

Por medio deste programa, os pequenos e pequenas estarán atendidos antes do inicio das clases, entre as 7.15 e as 9.15 horas, no propio CEIP Eduardo Pondal. En total, ofrécense 24 prazas, reservándose dúas máis para familias que precisen facer uso desta prestación de xeito puntual.

O prezo será de 20 euros ao mes, establecéndose bonificacións do 20% para familias numerosas e para nenos/as con discapacidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará dispoñible desde o mércores, 15 de xullo, ata o 4 de setembro. Estas deberán presentarse no rexistro municipal mediante o impreso específico, que terá que estar asinado pola persoa, incluír o nome do menor e ir acompañado, ademais, da documentación correspondente. As familias que xa participaron na última edición do programa e que manteñan as mesmas condicións deberán presentar unicamente a solicitude de inscrición.