Xa son 13 as familias que aproveitan o servizo de madrugadores de Zas
Poder deixar ás crianzas antes de marchar a traballar a outras cidades da provincia, é un dos elementos chaves que poden axudar a fixar poboación que traballa fóra, pero que quere educar aos seus fillos na casa, no rural. De aí a importancia da aposta que fan concellos como o de Muros, Ponteceso ou Zas, de apoiar un servizo de madrugadores que, apoiado nas ANPAS, sirva para conciliación laboral e familiar nas nosas vilas.
O de Zas segue medrando, sen a premura de ter que ser un servizo rendible ao ser subvencionado polo Concello. Este curso, o terceiro no CEIP Labarta Pose e no CPI de Zas, usan o servizo de forma continuada un total de 13 nenos e nenas.
As familias poden facer uso deste servizo de forma continuada que se ofrece todos os días lectivos en horario de 07:30 a 09:30 horas. Tamén se pode usar de forma temporal (por meses ou semanas) ou de xeito ocasional (un ou varios días concretos). Para as familias, este servizo ten un custo de 20€/mes, 6€ se se usa só por semanas e de 2€ por días soltos. Hai reduccións para o 2o fillo/a e seguintes e para as familias monoparentais. O resto dos gastos do persoal cualificado que atende a rapazada antes do horario lectivo está financiado polo Concello de Zas.