xoves. 16.10.2025
El tiempo

O alumnado do IES Eduardo Pondal coñece a maxia do Erasmus

ERASMUS DAYS no IES Eduardo Pondal de Ponteceso
O alumnado do IES Eduardo Pondal coñece a maxia do Erasmus

Non hai mellor experiencia na vida dun estudante que pasar un ano fóra cunha beca Erasmus. E para visibilizar esta oportunidade de oportunidades de mobilidade académica e profesional (esta experiencia de vida!) que ofrece o programa Erasmus+, o IES Eduardo Pondal organiza os Erasmus Days.

O 16 e o 17 de outubro, o centro organizará un amplo abanico de actividades destinadas ao alumnado de todos os ciclos formativos, ao profesorado e á comunidade educativa, sumándose ás actividades do Club Erasmus que se levan celebrando dende setembro co alumnado da ESO e BACH, e co alumnado que participou o ano pasado nas diferentes experiencias que se viñeron programando: viaxes de intercambio a Alemaña, prácticas profesionais a Italia, viaxes extracurriculares a Portugal, etc.

As actividades programadas inclúen:

  • Charlas a cargo de estudantes que realizaron prácticas en empresas europeas durante o curso 2024/2025.
  • Exposición fotográfica e proxección de vídeos con testemuños de participantes en mobilidades internacionais.

Obradoiro intercultural

Para a directora do instituto, Clara Regueira, esta iniciativa supón unha oportunidade para que “o alumnado descubra novos retos formativos e profesionais fóra de España, adquirindo habilidades clave para un mercado laboral cada vez máis globalizado, a participación nas mobilidades pon en valor a dimensión europea da educación pública e dá visibilidade ao talento que xorde cando se cruzan fronteiras”.

No actual curso as prazas convocadas para os diferentes programas de Erasmus tanto en FP como na educación secundaria duplicáronse. A coordinadora do proxecto, Silvia Candia, responsable do Erasmus escolar sinala que “os esforzos dos equipos docentes e de dirección están vendo os seus froitos na comunidade, non só o alumnado e o profesorado está cada vez máis interesado en participar, senon que as propias familias amósanse interesadas dende o primeiro momento no programa Erasmus+”.

Nesta ocasión preséntese tamén o Club Erasmus, que pasa a formar parte do elenco dos clubs senlleiros deste centro como o de ciencias, lectura ou xadrez. Este club organízase como un espazo de intercambio entre o alumnado de todos os niveis educativos do centro no que se realizarán as actividades colaborativas co resto de centros socios Erasmus e obradoiros de competencias transversais como a comunicación intercultural, dixitalización e linguas estranxeiras.
 

Comentarios