sábado. 27.06.2026
El tiempo

O alumnado do IES de Ponteceso mergullouse no franquismo con Agareso

ies ponteceso-4a-con Agareso
O alumnado de 4ºA con Agareso
O alumnado do IES de Ponteceso mergullouse no franquismo con Agareso

O alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso converteuse en investigador do seu propio pasado. Durante os últimos meses, os mozos e mozas de 4º da ESO deste centro participaron no proxecto Creación de Audios pola Memoria das Mulleres, impulsado por Agareso co financiamento do Ministerio de Política Territorial e Memoria democrática.

A través deste programa achegáronse aos principais fitos históricos da Guerra Civil e a Ditadura e tamén gravaron e documentaron as vivencias de homes e mulleres da zona que foron testemuñas directas ou indirectas desa época. Unha aprendizaxe necesaria nestes tempos nos que a ultradereita se está poñendo de moda entre a mocidade.

O proxecto centrouse especialmente na vida diaria das mulleres durante a ditadura franquista, algo sobre o que o alumnado preguntou ás súas avoas, avós, veciños e veciñas... Todas elas falan de cómo era a vida diaria nesa época (falta de alimentos, a escola, a vestimenta...), como se escondían aquelas persoas perseguidas polo réxime ou que labores estaban reservados para as mulleres.

A clase de 4ºB
A clase de 4ºB

O alumnado de 4ºB do IES Eduardo Pondal quixo difundir, a través do seu podcast, un minucioso repaso polos feitos históricos que marcaron profundamente a sociedade española dende o 1396 ata o 1975. A el sumaron tamén as testemuñas de 3 persoas entrevistadas, todas elas próximas a eles e elas: Marina Lema (1946), Jesusa Castro (1948) e unha persoa anónima (1929).

Pola súa parte, a clase de 4ºA do IES Eduardo Pondal de Ponteceso participou no proxecto facendo un breve percorrido histórico e entrevistando a varias das súas avoas. A través de Carmen Cotelo, de 101 anos e Ángela Mato, de 81, descobren como era a vida diaria nesa época, as resistencias e dificultades que pasaron e cómo eran perseguidas ideoloxías contrarias ao réxime.

”O obxectivo concreto do proxecto é paliar a falta de información acerca de esta época histórica e tamén ensanchar a documentación existente en materia de memoria democrática, especialmente aquela que ten que ver coa historia das mulleres por ser esta a máis descoñecida”, explica a xornalista pontecesá Verónica Couto, responsable do proxecto dende Agareso. “Preténdese que o coñecemento sobre o pasado axude a educar sobre o presente e o futuro e ademais teza lazos entre diferentes xeracións”.

Máis novas

Comentarios