Venres. 19.04.2024
El tiempo

Corme expón xoguetes e Vimianzo a pintura de Antón Mouzo

Corme expón xoguetes e Vimianzo a pintura de Antón Mouzo

Este vindeiro venres 9 de setembro, ás 21:00h no Auditorio da Casa da Cultura, o concello de Vimianzo celebrará a inauguración dunha exposición de pintura do artista vimiancés Antón Mouzo Lavandeira (Vimianzo 1957 – A Coruña 2007). Onte facían a presentación oficial coa presencia de José Mª Mouzo, irmán de Antón, o alcalde vimiancés e a técnica cultural Nieves Lema. Para o venres, contarán coa presenza de persoas do ámbito artístico e cultural como Xosé Manuel Villanueva, amigo íntimo de Antón, que dará unha perspectiva do pintor e a persoa, e a artista de muxiana Viki Rivadulla, que dará unha visión da arte da Costa da Morte

Esta exposición inaugurará a Sala de Exposicións Antón Mouzo co subtítulo Orgullosos do noso, “porque en Vimianzo temos moito do que presumir e que dar a coñecer”, destaca o alcalde. Esta primeira exposición estará aberta ata o día 16 de decembro, no horario de apertura da Casa da Cultura, e preténdese que sexa unha exposición viva, pois en torno a ela realizaranse unha serie de actividades audiovisuais e musicais.

A exposición constará de 30 obras, seleccionadas pola propia familia, nas que aparecerán reflictidas diferentes etapas e técnicas pictóricas de Mouzo (acuarela, mica sobre óleo, etc.)

Actividades culturais

O venres día 16 de setembro terán a primeira destas actividades da man do escritor Manolo Rivas, amigo persoal de Antón que por motivos de axenda non poderá estar na inauguración. A actividade levará por nome "Costa da Morte Blues", libro de poemas de Rivas ilustrado por Antón Mouzo, e constará dunha charla - recital en homenaxe ao pintor vimiancés.

Máis adiante está previsto proxectar a película "Finisterre", de Xavier Villaverde, na que Antón participou como asesor artístico. “Desde o concello está previsto, ademais, programar visitas guiadas, cun experto que poida explicar a obra de Antón, para ofrecelo ás asociacións do concello e para os rapaces do instituto”, explica Nieves Vilariño, técnica de cultura do concello de Vimianzo.

Manuel Antelo informa tamén de que se está organizando unha programación anual de exposicións, “na que participará outro pintor vimiancés de sona como é Xurxo Martiño e Antonio Nodar, fotógrafo de Baíñas de gran recoñecemento en toda Europa, entre outros artistas locais”.
O feito de que se comece con Antón Mouzo “é un acto de xustiza coa súa persoa e con Vimianzo, pois é unha maneria de darlle un recoñecemento a alguén que coa súa obra representou a Vimianzo polo mundo” di Antelo, e que “a pesar de expoñer a súa obra en en diferentes lugares da xeografía española e que chegou a expoñer en Nova York, Miami, Bogotá, Santo Domingo, Lisboa e un longo etc. só expuxo unha vez na súa vila natal, no Castelo de Vimianzo en 1993”.

Exposición sobre o xogo popular

Do 5 ao 9 de setembro, o Centro Cultural de Ponteceso alberga a súa primeira exposición na semana do 5 ao 9 de setembro. É un adianto do que se poderá ver no futuro museo do xogo popular galego que terá a súa sede no centro. Poderá visitarse en horario de 09.00h a 14.00h.

Novas relacionadas

Fonte

  • Notas de prensa do Concello de Vimianzo e de Ponteceso.

Comentarios