Corme segue sufrindo unha deficiente rede de saneamento pola falta de diálogo das administracións

Imaxe das autoridades repartindo auga embotellada durante a crise da auga de Corme do pasado ano

Aínda quedan ecos da crise da auga de Corme. De feito aínda non fai moito que o o PP presentaba unha denuncia contra o alcalde pola intoxicación do pasado 2020. Pero a situación está lonxe de solventarse, como o ratifica a carta que recibía estes días o Concello de Ponteceso por parte de Augas de Galicia. Unha carta na que alerta sobre o “deficiente” estado da rede de saneamento de Corme, avisando de que podería chegar algunha sanción e invitando ao Concello a solucionar o problema.

Non tardou en chegar a resposta do alcalde, Lois Carballido, que “pide investimentos de Augas de Galicia en vez de cartas”. O alcalde lembra que “todo o investimento de Augas de Galicia en Ponteceso nos últimos 6 anos limítase a un pequeno estudo da depuradora de Pazos, sen investimento ningún”. Sinala que fan falta “millóns de investimentos” pois Ponteceso segue tendo “moitas parroquias sen abastecemento e saneamento”, e “malia a crise da auga en Corme, non investiron nada na mellora do sistema”. Ademais, tampouco se fixo o plan para evitar as inundacións na vila.

Dende a oposición, Daniel García Cotelo quere lembrarlle ao alcalde que leva 6 anos no posto, e o acusa de que botar as culpas a todo o mundo menos asumilas. "Non tería tempo para ir arreglando cousas nestes 6 anos?" pregúntase Cotelo, que considera que "non se pode dirigir non xestionar o Concello en horas libres". Volve pois pedir que "dimita".

Mentres as administracións botan pelotas no tellado alleo, a veciñanza é a que segue perdendo.

 

NOVAS DA CRISE DA AUGA EN CORME