Corme segue sufrindo unha deficiente rede de saneamento pola falta de diálogo das administracións

Aínda quedan ecos da crise da auga de Corme. De feito aínda non fai moito que o o PP presentaba unha denuncia contra o alcalde pola intoxicación do pasado 2020. Pero a situación está lonxe de solventarse, como o ratifica a carta que recibía estes días o Concello de Ponteceso por parte de Augas de Galicia. Unha carta na que alerta sobre o “deficiente” estado da rede de saneamento de Corme, avisando de que podería chegar algunha sanción e invitando ao Concello a solucionar o problema.
Non tardou en chegar a resposta do alcalde, Lois Carballido, que “pide investimentos de Augas de Galicia en vez de cartas”. O alcalde lembra que “todo o investimento de Augas de Galicia en Ponteceso nos últimos 6 anos limítase a un pequeno estudo da depuradora de Pazos, sen investimento ningún”. Sinala que fan falta “millóns de investimentos” pois Ponteceso segue tendo “moitas parroquias sen abastecemento e saneamento”, e “malia a crise da auga en Corme, non investiron nada na mellora do sistema”. Ademais, tampouco se fixo o plan para evitar as inundacións na vila.
Dende a oposición, Daniel García Cotelo quere lembrarlle ao alcalde que leva 6 anos no posto, e o acusa de que botar as culpas a todo o mundo menos asumilas. "Non tería tempo para ir arreglando cousas nestes 6 anos?" pregúntase Cotelo, que considera que "non se pode dirigir non xestionar o Concello en horas libres". Volve pois pedir que "dimita".
Mentres as administracións botan pelotas no tellado alleo, a veciñanza é a que segue perdendo.
NOVAS DA CRISE DA AUGA EN CORME
- Marzo 21: O PP denuncia ao alcalde pola intoxicación da auga en Corme,
- Febreiro 21: Corme volveu sufrir problemas coa turbidez da auga
- 23-09-2020: Os veciños de Corme piden que se depuren responsabilidades cando se cumple un ano do brote de gastroenterite.
- 14-10-2019: As graves causas da crise da auga de Corme.
- 07-10-19: Corme sae á rúa para buscar solucións.
- 04-10-19: Sanidade levanta a restrición sobre o consumo da auga da traída.
- 02-10-19: PP e APIN únense para pedir a dimisión do alcalde de Ponteceso pola crise da auga.
- 29-09-19: A AVV, sindicatos e a oposición cargan ante a crise da auga de Corme.
- 27-09-19: Manteñen a recomendación de non consumir auga da traída en Corme ao detectaren axentes contaminantes.
- 23-09-19: Corme en alerta ante a avalancha de vómitos e diarreas de familias enteiras.