Este sábado a Fundación Eduardo Pondal prepara unha triple sesión cultural

Este próximo sábado 18 de xuño a Fundación Eduardo Pondal ofertará unha tripla oferta de actividades que se desenvolverán ó longo de toda a xornada e que contarán coa colaboración da editorial Sotelo Blanco e coa da Asociación de Veciños San Félix de Anllóns.

Encontro fotográfico e literario

A proposta máis madrugadora será a que poña en marcha a editorial Sotelo Blanco de Santiago a partir das 10:00h da mañá e que leva como título “Na busca das fotos con cheiro”. Trátase dun encontro fotográfico e literario que visitará parte do concello de Ponteceso. Ás 10 recibiranse os participantes que participarán nun obradoiro de fotografía impartido por Olga Seoane.
Despois asistirán á presentación da novela Areaquente da escritora An Alfaya, que nesta ocasión estará acompañada pola ilustradora do libro, Ánxela Gracián. Tras un xantar no piñeiral de Valarés, a comitiva fotográfica acudirá ás aldeas cormelás do Roncudo e Candelago.

Nova sesión da Cova Céltica

Para as 17:00h da tarde, na lareira da Casa do Cura, está programada unha nova edición da Cova Céltica. Nesta ocasión, moderada por Xosé Manuel Varela, varios compoñentes do Instituto de Estudos Bergantiñáns lembrarán as tradicións etnográficas do San Xoán vistas desde o punto de vista máis científico. Entre os convidados estarán presentes Xelucho Abella Chouciño, Xan Fernández Carrera, Evaristo Domínguez Rial e Luís Giadás Álvarez. Como en anteriores ocasións, Sofía González encargarase de recoller en vídeo esta mesa redonda de carácter etnográfico.

Noite de San Xoán

A última proposta está programada para as 22:00h da noite no Campo do Río en Anllóns. É unha actividade que organizan conxuntamente a Asociación de Veciños San Félix de Anllóns e Fundación Eduardo Pondal. Trátase de con-celebrar a noite de San Xoán en lembranza do 150 aniversario da publicación do poema pondaliano “A campana de Anllóns”.

Ademais de lume e gastronomía haberá actividades culturais reivindicativas. Sete homes e mulleres da parroquia de Anllóns leran as 14 estrofas do poema. Tamara Lema recitará outro poema pondaliano: “Noite de San Xoán”, con escenificacións de Esteban Rey e música de Silvia Losada. A música tradicional virá da man dos gaiteiros Inllar e Monte Branco. O peche da xornada será cunhas campanadas musicais nocturnas.

Novas relacionadas