Martes. 19.03.2024
El tiempo

A incerteza volve enlear as Festas da Pilarica da Trabe

Festas da Pilarica da Trabe 22
A incerteza volve enlear as Festas da Pilarica da Trabe

A Festa da Pilarica da Trabe, en Ponteceso, é un bo exemplo do complicado traballo das comisións de festas, e do importante que é ter unha familia, un grupo de persoas, que fagan ese impagable traballo sen ánimo de lucro para traer as verbenas ás nosas parroquias.

Xa o ano pasado a cita estivo envolta en polémica, acabando sendo coñecidas como as non-festas da Pilarica. A patente da comisión hereditaria pesa moito na Trabe, ademais. A comisión de sempre leva máis de 30 anos levando o peso das festas máis importantes do outubro bergantiñán, superando a década o último grupo de curmáns que artellaba a festa ata antes da chegada do covid.

Pero trala pandemia, e tralo lío do ano pasado, este mes de febreiro dixeron que o deixaban, a pesar dos lamentos da veciñanza, que segue pedíndolles que volvan tomar os mandos.

Ante esta situación, dous grupos de promotores (unha parte chegou a constituír unha comisión exprés) están intentando sacar a festa adiante. Chega aquí unha complicada loita de prazos, solicitudes, impresos… aos que o alcalde, Lois Carballido, só responde con ambigüidade, afirmando que non se vai poder celebrar ningunha.

Por un lado, a empresa dun mozo cormelá, Abenova Group, despois de terlle pedido permiso á comisión de sempre (que, quere saírse de toda polémica e deixa claro que non é o seu menester aceptar ou ceder a organización) asegura ter presentado todos os documentos a tempo, e afirma que "a festa vai para adiante, queira ou non queira o alcalde", sinalando, tras falar cos seus avogados que tendo todos os permisos a palabra do alcalde non importa. Xa ten, de feito, este cartel rulando polas redes sociais e colgado nas portas dos bares da vila.

Por outro lado, os promotores que realizaron a festa o ano pasado, tamén tiñan formulado unha verbena con presencia de orquestras como El Combo, pero aseguran que o alcalde, na complicada tesitura de ter que escoller, elixiu non permitir ningunha.

Sairán, ou non, saberémolo en 15 días, as festas da Pilarica da Trabe, pero neste caso serán un pouco máis negocio e un pouco menos da vila. Mentres, a veciñanza seguro que acode ás festas, pero espera que “volva a comisión de toda a vida”, e deixe de estar organizada por “xente de fóra”.

Novas relacionadas

Comentarios