O II Premio de Poesía Eduardo Pondal marcha para Noia
![O poeta noies Manuel Lopez Rodriguez gana o Premio Eduardo Pondal 2020](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2020/05/15/2020051510482040621.jpg)
Manuel López Rodríguez é o gañador do II Premio de Poesía Eduardo Pondal, que convoca a editorial Medulia. O poeta noiés toma o relevo da xalleira Carme Caramés, unha vez que o xurado escolleu o seu libro “Vangarda ule. Lema: Médica de males menores”. A obra será editada pola editorial.
Manuel López Rodríguez foi cofundador do Colectivo Literario Sacou, do Grupo Literario Avilés e da Tertulia Literaria Adamajuana; é membro da Asociación Teatral Éteatro, da Asociación Audiovisual Paradiso, da ACC Terra de Outes, etc.
O noiés xa gañara diversos certames de poesía entre os que compre destacar o segundo premio do Leiras Pulpeiro de Poesía, o López Ardeiro de Poesía, Premio de poesía Suso Vaamonde, etc. Na actualidade ten un libro individual publicado “Antítese nativa” e, no prelo “Desde onde non nace”.
O xurado estivo formado por Teresa Seara Domínguez (Doutora en Filoloxía galego-portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía); Montserrat Yoldi Sanmartín (Profesora de Lingua e Literatura Galega e poeta); Luciano Rodríguez Gómez (Licenciado en Filoloxía Románica, profesor e crítico literario especializado en poesía); Miguel Mato Fondo (Profesor de Lingua e Literatura Galega e poeta) e Xulio López Valcárcel (Director de Medulia Editorial e poeta), e foi coordinado pola cormelá Diana Varela Puñal, con voz pero sen voto.
![A Editoril Medulia o escaparate dedicado á Costa con apeiros e flores silvestres de Corme](/media/quepasanacosta/images/2020/05/15//2020051510515523012.jpg)
A Editorial Medulia xa puxo o escaparate dedicado á Costa da Morte, todo con apeiros e flores silvestres de Corme