Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Invitan ao voluntariado a unha nova e doble limpeza no Esteiro do Anllóns e na Praia da Barra

Invitan ao voluntariado a unha nova e doble limpeza no Esteiro do Anllóns e na Praia da Barra

AAsociación Mar de Fábula, en colaboración co Concello de Ponteceso, preparan unha nova xornada de limpeza ambiental, coa intención de “comezar o ano dunha maneira positiva exercendo a nosa responsabilidade e dereito de coidar e protexer a saúde do mar, base da nosa riqueza e fonte de vida”.

Desta volta, invitan a todo o voluntariado costeiro a limpar de plásticos dúas Zonas de Especial Conservación, como son o Esteiro do Anllóns e a fermosa e afastada Praia da Barra.

O día elixido será este sábado, ás 10.00 horas, con inicio no Malecón.
Encamiñándose pola ruta de sendeirismo PRG 148, farase unha primeira parada en dous ou tres puntos no esteiro do río para apañar envases e botellas de plástico agochados na xunqueira e que serán retirados polos servicios loxísticos do Concello. Logo, reiniciando a marcha, procederase cara o destino final, a Praia da Barra.

Ao remate da xornada, sobre as 14.00 horas, está previsto celebrar un pícnic de confraternidade e intercambio de opinións no areal, polo que se recomenda levar bebidas e aperitivos.

Inscrición

A efectos de cobertura de seguros e normativa sanitaria, cómpre apuntarse co nome,’ apelidos, DNI e teléfono de contacto no correo: [email protected], no teléfono 608 609 042 ou no consistorio antes do venres ás 13.00 horas. Poden participar adultos e adultas e nenos e nenas de máis de dez anos acompañados dunha persoa maior.

Comentarios