Máis de 60 persoas descubren as raíces xeolóxicas de Galicia nun roteiro entre Corme e Ponteceso
- O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní guiou a decenas de persoas polos segredos do complexo Malpica-Tui e o Monte Branco.
O colectivo divulgativo Rutas de Historia (www.rutasdehistoria.gal) organizou este sábado 20 de xuño de 2026 unha xornada de turismo científico baixo o título "Viaxe ao inicio dos tempos de Galicia". O itinerario de cinco quilómetros, que partiu da praia de Balarés (Ponteceso), estivo dirixido polo xeólogo, catedrático e investigador Juan Ramón Vidal Romaní. Os participantes, máis de sesenta, puideron coñecer de primeira man como se formou a base física do territorio galego hai centos de millóns de anos e as dinámicas climáticas extremas que modelaron o litoral actual.
Os grandes cambios xeomorfolóxicos do roteiro
A andaina centrouse no estuario do río Anllóns e na contorna da ría de Corme e Laxe, un espazo de valor xeolóxico excepcional onde se visitaron catro puntos claves, entre eles, a unidade Malpica-Tui, unha formación autóctona cuxos materiais chegaron a afundirse ata os 90 quilómetros de profundidade debido á colisión tectónica que creou o supercontinente Panxea.
Tamén puideron ver formas de disolución do granito, rochas graníticas hercinianas modeladas ao longo do tempo por procesos químicos e de fractura; a duna trepadora do Monte Branco a duna rampante activa máis alta do continente europeo, que ascende de xeito espectacular pola montaña ata alcanzar os 192 metros de altitude ou a barra do Anllóns e praia de Balarés: Un complexo de sedimentación areosa caracterizado polas súas singulares concentracións de minerais pesados.
Romaní, o gran investigador da contorna de Corme, Balarés e Laxe
O profesor Vidal Romaní leva décadas estudando a xeoloxía da Costa da Morte, un territorio que el mesmo define como "un mundo saído do mar". Os seus traballos científicos e declaracións históricas serven para comprender os fitos máis importantes desta contorna.
Fronte á crenza popular de que a duna francesa de Pilat é a máis alta de Europa (con 110 metros), os estudos do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da UDC —dirixidos por Romaní— demostraron que o Monte Branco de Ponteceso ostenta o récord europeo con 192 metros de altura. De feito, durante o roteiro, Romaní explicou que se trata dunha climbing dune (duna trepadora). "Durante as glaciacións do Cuaternario, o nivel do mar baixou drasticamente. O vento arrastrou a area do fondo mariño exposto e empuxouna gran a gran montaña arriba, cubrindo o relevo de granito gneísico", destacou.
Outro tesouro oculto; o complexo mineiro de Balarés e o titanio da II Guerra Mundial
Os participantes nesta andaina de Rutas de Historia comezaron na praia de Balarés, que destaca polas súas escuras concentracións de minerais pesados, formados principalmente por ilmenita e rutilo. Alí, o xeólogo lembrou que esta area negra rica en titanio tivo un papel xeopolítico clave. Durante a Segunda Guerra Mundial, a empresa Kaolinas de de Balarés explotou este xacemento para fornecer este mineral estratéxico a Alemaña, utilizándose para blindaxes militares e aliaxes aeronáuticas. Hoxe en día, a praia recuperou o seu aspecto natural, pero as areas negras seguen a testemuñar aquela riqueza mineral.

O Anllóns, a Fosa Blastomilonítica e as glaciacións
A xeografía de Corme, Laxe e Ponteceso está condicionada pola xeoloxía estrutural. O río Anllóns discorre encaixado seguindo unha gran liña de fractura coñecida como a Fosa Blastomilonítica, que provoca un choque de dunas e ríos. Segundo os informes de Romaní sobre a enxeñaría natural da Costa da Morte, cando os grandes sistemas de dunas avanzaron no pasado, chegaron a taponar e desviar os cursos de auga de varias rías galegas. O Anllóns tivo que loitar historicamente contra o avance da area, o que deu lugar á actual configuración da súa barra area e o tómbolo costeiro.
Durante o roteiro, Romaní tamén falou das plataformas rochosas e as praias fósiles que fican baixo as dunas actuais. Moitas destas estruturas datan do interglacial Eemiense (hai uns 140.000 anos), unha época na que a Terra sufriu un quecemento natural e o mar estaba por riba do nivel actual. O científico utiliza estes datos para advertir sobre o impacto do actual cambio climático na erosión irreversible de sistemas tan fráxiles como os da Costa da Morte.
Rutas de Historia
O proxecto Rutas de Historia é un proxecto cultural e divulgativo especializado en deseñar e promover itinerarios guiados polo patrimonio histórico, arqueolóxico, xeolóxico e paisaxístico de Galicia. Impulsado polo xornalista e profesor universitario Xurxo Salgado, o colectivo busca achegar o coñecemento académico ao gran público a través de saídas de campo guiadas por especialistas de primeiro nivel. Nas súas xeiras, que abarcan desde complexos megáliticos e castrexos ata espazos de alto interese xeomorfolóxico, a entidade aposta por un modelo de lecer formativo e sostible que pon en valor a riqueza identitaria do territorio galego.