Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Ponteceso pon en marcha unha campaña de control de fincas para previr os incendios forestais

Ponteceso pon en marcha unha campaña de control de fincas para previr os incendios forestais
prevencion-incendios-ponteceso O GES de Ponteceso identificará a titularidade dos terreos para que se cumpran as obrigas de limpeza e conservación Co verán ás portas, e con el a época de maior risco para os incendios forestais, o concello de Ponteceso a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal - GES - acaba de poñer en marcha unha campaña intensiva de vixilancia e control de fincas, tanto no núcleo urbano como nas zonas rurais do municipio, para a prevención de incendios forestais durante os meses de verán. Ademais do envío de 9.000 cartas informativas aos titulares das propiedades, unha das primeiras medidas adoptadas esta mesma semana está a ser a identificación da titularidade dalgúns terreos para proceder ao cumprimento, por parte dos propietarios, das obrigas de limpeza e conservación dos mesmos respectando as franxas obrigatorias de xestión de biomasa vexetal e retirada de árbores, que establece a Lei 3/2007 da Xunta de Galicia. Grazas á colaboración veciñal, os primeiros froitos non se fixeron esperar. O GES de Ponteceso iniciou na parroquia de Anllóns os traballos de vixilancia das parcelas que no Catastro figuran a nome do concello, con titular descoñecido ou en investigación. Grazas ás achegas dos veciños e veciñas da zona logrouse clarexar e determinar a propiedade privada dalgunhas desas fincas e montes, cuxos titulares poderán iniciar agora os trámites para inscribilas debidamente. Neste sentido, os veciños e veciñas que o desexen poderán cotexar a información relativa as súas fincas na páxina web de catastro a fin de modificar e/ou corrixir posibles erros. “Isto demostra que a campaña que está a levar a cabo o concello de Ponteceso serve tamén para actualizar os datos catastrais”, indicou o alcalde, Lois García Carballido. Durante os meses de verán, o concello de Ponteceso continuará desenvolvendo novas accións de control nas zonas urbanas e rurais do municipio para facer un seguimento daquelas parcelas que incumpran o deber de limpeza no tramo dos 50 metros de vivendas e outras edificacións, procedendo, se fose necesario, á execución forzosa a través de multas coercitivas. Pola súa banda, o alcalde apela á colaboración veciñal para protexer o patrimonio natural e evitar posibles danos e prexuízos na contorna.

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios