Rosalía acode á celebración do 178 aniversario do nacemento de Pondal
Moito quere a señora Rosalía a nosa bisbarra. Se en breve estará por aquí da man da Fundación López Abente, durante a mañá deste mércores 6 de febreiro, visitará a Lareira da Fundación Eduardo Pondal. I é que a entidade celebrará o 178 aniversario do nacemento do autor do himno galego. E Pondal terá un convidado especial: a súa amiga Rosalía de Castro, quen tamén está de aniversario por se celebrar neste 2013 o 150 aniversario da publicación da súa obra Cantares gallegos.
Nesa ocasión, os actos, que se desenvolverán de 11 a 12.30 h, cambiarán de escenario posto que abandonarán a Casa do Cura para se desenvolver no despacho da casa natal do poeta. Os destinatarios das distintas propostas de aniversario será o alumnado de Infantil do CEIP Eduardo Pondal.
Os actos comezarán cunha ofrenda floran no monólito pondaliano do paseo fluvial. Continuarán cunhas escenificacións literarias e musicais a cargo das fadas Tamara Lema e Alba Costa. Por último, os presentes poderán saborear a torta de aniversario que é agasallo da panadería Cousillas de Brantuas.
A celebración contará coa ampla presenza de autoridades de distintas administracións. O presidente da Fundación, José Luís Fondo Aguiar, e do patrón, Óscar Rey Calo, estarán acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
Novas relacionadas
- A Fundación López Abente xa prepara o Cincuentenario do falecemento do autor e a homenaxe a Rosalía.
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
Fonte
- Fundación Eduardo Pondal.