Xoves. 25.04.2024
El tiempo

FOTOGRAFÍA

"O premio é unha recompensa a moitos anos de traballo"

2019-02-04
2019-02-04
"O premio é unha recompensa a moitos anos de traballo"

“Recibín o premio con moita emoción, é unha recompensa a moitos anos de traballo”. Así de entusiasmada se amosa a fotógrafa xalleira Isabel Antelo Silvariño, quen vén de recibir o Premio Goya de fotografía e vídeo profesional, convocado pola Asociación de Fotógrafos de Aragón (AFPA), por un gráfico-documental sobre a parroquia de San Adrián de Castro, no concello de Zas. O galardón foille entregado o pasado sábado, nunha gala celebrada no Centro de Historias en Zaragoza, na que tamén participaba o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez nas categorías de Libre Creación e Gráfico-Documental . “A verdade é que non o agarda”, sostén Silvariño.

Este é o primeiro premio que Isabel recibe polo seu traballo profesional, aínda que hai dous anos xa competira nesta mesma convocatoria cunha nominación á súa foto sobre o fogueteiro nas festas dos Milagres de Santa Catarina, en Santa Comba. Así mesmo, hai  pouco que tamén obtivera o nomeamento de "fotógrafa distinguida internacional", concedido pola federación portuguesa de imaxe APPimagem.

“O meu traballo faime sentir moi a gusto porque fago o que máis me gusta”. Así, Isabel desenvolve o seu traballo profesional no estudo de fotografía familiar Foto Silvariño: “Vivo da fotografía, son a terceira xeración de fotógrafos na miña casa, e de aí me vén a paixón. Así, dedícome a vodas, bautizos e comuñóns”.

Ademais da súa tarefa como fotógrafa, esta xalleira tamén ten realizado obradoiros con outras mulleres fotógrafas para explicar aos máis novos como desenvolven o seu labor. O seu próximo obxectivo, di, é conseguir o título de mestra internacional. “Espero obtelo este ano”, afirma.

Comentarios