Venres. 04.10.2024
El tiempo

“Sufrimos moita discriminación, xa que podemos comunicarnos moito mellor do que as persoas oíntes pensan”

Carmen Muíño Rey persoa xorda de Santa Comba
Conversamos con Carmen Muíño Rey
“Sufrimos moita discriminación, xa que podemos comunicarnos moito mellor do que as persoas oíntes pensan”

Coñecíamos hai pouco a labor de integración laboral no rural da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). E quixemos saber de primeira man que consecuencias ten para as persoas afectadas, porque visibilizar unha circunstancia así é importante para concienciar á cidadanía, e poñerlle unha cara sempre é de gran axuda para podermos empatizar.

Falamos con Carmen Rey Muíño, de 51 anos, natural de Vilar, Santa Comba, e residennte en Antes, Aranón. De nena estudiei no Colexio de Xordos de Santiago, fixo EGB e logo un FP de Confección e Moda. Dende entón realizou varias formacións complementarias, como encadernación artesanal, limpeza hospitalaria e informática.

É amante das viaxes, sobre todo as culturais, “tanto en grupo como en solitario”, e non perde unha sen semana sen saír a camiñar, a facer rutas de sendeirismo:,visitar fervenzas, muíños, castros, miradoiros. “Todo o que sexa natureza en xeral” é a súa paixón.

 
  • QPC: Cóntanos un pouco como é a túa formación experiencia profesional. Traballas ou traballaches? Se é así, como atopaches o emprego? Estás buscando emprego? Como buscas emprego? Que tipo de emprego buscas?

Traballo desde nena, coa familia. Os meus pais tiñan un posto de froita, e ademais montaban o bar nos campos da festa por todo o concello de Santa Comba, cando había verbenas. Cando tiña uns vinte anos, a pesar da miña xordeira, empecei a traballar en hostalería en Santa Comba en varios locais, superando os problemas de comunicación sen ningún problema, arranxábame ben, e así pasei 26 anos, traballando en hostalería, principalmente en dous bares, pero sempre sen contrato.

Entón chegou a pandemia, cerraron os bares, un deles cerrou pola pandemia e non volveu a abrir, e no outro o xefe xubilouse. En calquera caso, eu marchei para casa sen ningunha indemnización cando isto pasou, e moi preocupada polo meu futuro, despois de tantos anos sen cotizar.

Son socia da Asociación de Xordos de Santiago dende o ano 1983, e a raíz da miña situación laboral despois da pandemia deriváronme ó servicio de emprego da FAXPG, hai dous anos. Analizando a miña situación, recomendáronme darme de alta como demandante de emprego, e incluíronme no proxecto “Abrindo Portas as Mulleres Xordas do Rural Galego”, subvencionado pola Caixa, onde unha axente de emprego encargouse do meu proceso de inserción, primeiro a través dunhas prácticas non laborais, en agosto de 2021, que se seguiron dun contrato temporal ata o mes de outubro. Logo a empresa interrompeu a súa actividade polo Covid durante uns meses, e volveron a incluírme no Proxecto Integrado de Emprego no Rural de este ano, e finalmente conseguín un contrato indefinido na mesma empresa, “O Lavadoiro”.

Actualmente estou traballando e síntome feliz, teño estabilidade económica e persoal. A miña vida cambiou completamente, síntome moito mellor, mais realizada. Eu son unha persoa que necesito estar ocupada, sentirme útil e activa, estou moi satisfeita co que teño conseguido ata agora.

 
  • QPC: Que dificultades principais atopas na busca de emprego? Tiveches algunha mala experiencia vinculada ao emprego?

A maior parte das veces existen moitas barreiras de accesibilidade á comunicación, ademais de moitas limitacións, e prexuízos por parte das persoas oíntes, especialmente os empresarios. Moitas veces din que non directamente, solo polo feito de ser una persoa xorda. Sufrimos moita discriminación, xa que podemos comunicarnos moito mellor do que as persoas oíntes pensan.

En Santa Comba, por exemplo, encontreime buscando traballo no supermercado e directamente dixéronme que non, sen pensar que son moitos os postos que podemos desempeñar sen problema as persoas xordas. Non hai vontade real por parte das empresas para adaptar os postos de traballo, non fan ningún esforzo, e tampouco por coñecer as nosas auténticas capacidades, mais alá dos estereotipos.

A miña mala experiencia vinculada ó emprego foi, sen duda, estar traballando sen contrato, sen dereitos nin garantías durante 26 anos. Aproveitáronse de min. No traballo diario non tiña problemas con ninguén, nin cos clientes nin cos xefes, pero agora preocúpame non ter cotizado todos estes anos, porque non sei si terei pensión cando me xubile.

 
  • QPC: E a nivel persoal e social, como é de complicado coñecer xente nova?

Prefiro relacionarme con oíntes, resúltame mais fácil. Sempre estiven moi integrada, aquí na vila coñéceme todo o mundo, e relacionarse é mais doado que nas cidades, supoño, aquí non hai ningún problema nese senso.

 
  • QPC: En que sentido a FAXPG está axudando en materia de inserción laboral? E persoal?

A nivel laboral, Azuzena, a axente de emprego, axudoume moitísimo. Grazas a ela puiden prepara a entrevista de traballo, que nunca antes fixera unha, contar cunha intérprete, pasar por un proceso de selección e superalo, e finalmente empezar a cotizar con un traballo estable e que me gusta, por primeira vez na miña vida.

Dende a FAXPG apóianme en todo e me asesoran en moitos campos da miña vida, para realizar xestións e trámites, cando preciso intérprete, apoio psicolóxico cando o necesitei, incluso a nivel de ocio. É un acompañamento integral.

Novas relacionadas

Comentarios