O temporal de aire e choiva obriga a adiar a manifestación convocada pola Anpa do CEIP Barrié de la Maza
O temporal de vento e choiva que nos está a deixar a borrasca Karlotta obriga a adiar a manifestación convocada pola ANPA Xallas para esixir mellores condición no CEIP Barrié de la Maza e que estaba prevista para hoxe.
A Anpa Xallas vén de anunciar que a nova data será o venres 23 de febreiro ás 16:30 horas no aparcamento dos autobuses do CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza, de Santa Comba. Segundo denunciaron en varias ocasións o edificio, que este ano cumpre 50 anos, necesita unha remodelación integral xa que dende hai tempo hai pingueiras nas aulas, un grave deterioro do sistema de calefacción, o mal estado dos falsos teitos,...
Dende o ano 2021 a Anpa Xallas vén solicitando esta mellora e ante a falta de resposta convoca esta manifestación, que se celebrará unha vez pasadas as eleccións autonómicas, para denuciar a "indiferenza da Xunta" co centro.