As traballadoras do SAF de Santa Comba esixen reunións co alcalde para negociar as condicións laborais
Segue sen solventarse o conflito laboral no seo do Servizo de Axuda do Fogar do Concello de Santa Comba. Xa o pasado mes de outubro debullábamos a complexa situación dun servizo que sofre, en todos os Concellos do país, a falta de implicación da Xunta, que deixa en mans municipais un elemento básico do sistema sanitario público.
No Concello xalleiro levan moito tempo con problemas, e a solución está lonxe de atoparse. Xa a comezos de ano, o o BNG denunciaba a ”incompetencia municipal” para solventar a problemática, e hoxe é a CIG a que critica que “o alcalde de Santa Comba se nega a reunirse coas traballadoras”.
As traballadoras queren abordar cuestións necesarias como a Relación de Postos de Traballo (RPT) e outras condicións laborais que afectan directamente á calidade do servizo e ao benestar do persoal. Pero segundo o sindicato, se atopan coa “falta de vontade para o diálogo” por parte do alcalde, o que “está a xerar un clima crecente de descontento entre as traballadoras, que denuncian situacións de discriminación en aspectos clave como a xornada laboral, os descansos e o recoñecemento da antigüidade”.
Ademais, as traballadoras denuncian que realizan tarefas en sábados e festivos sen recibir compensación algunha, nin económica nin en tempo de descanso. Outra das prácticas preocupante é o uso dos teléfonos móbiles persoais para tarefas laborais, incluída a xeolocalización. Esta imposición, realizada sen acordo previo, pode vulnerar a legalidade vixente, en particular no relativo ao dereito á intimidade e á protección de datos.
A gravidade da situación levou á representación legal das traballadoras a presentar máis dunha denuncia ante a Inspección de Traballo, reclamando a intervención das autoridades competentes para frear estas prácticas e garantir o respecto aos dereitos laborais.
Máis novas
- Febreiro 2025: O BNG de Santa Comba sinala a inacción do goberno municipal para poñer fin aos problemas do SAF.
- Outubro 24: A complicada tesitura do SAF de Santa Comba.