Sábado. 04.05.2024
El tiempo

O xalleiro-bergantiñán Xosé Abelenda, novo responsable da asamblea Helvética do BNG

Xose Abelenda coa Comitiva BNG Europa
Xose Abelenda, no centro, con Ana Miranda, Ana Pontón e históricos do BNG
O xalleiro-bergantiñán Xosé Abelenda, novo responsable da asamblea Helvética do BNG

Xosé Abelenda é o novo responsábel da asamblea Helvética do BNG. Dende o 2 de abril tomou o relevo do militante histórico, Baldo Álvarez quen, tras 50 anos de emigración, regresou á Galiza o pasado mes de marzo.

Abelenda tamén pasa a formar parte do Consello da Emigración en plena época de “trasfega electoral e pula polo cambio galego que se pode dar nos vindeiros comicios a pesares de que a meirande parte da emigración galega non pode votar nas municipais”, isto non é un impedimento para o activista xalleiro-bergantiñán que loita sen cesar por defender os dereitos da emigración galega na Suiza.

Pontón propón a creación dunha oficina permanente en Suíza 

FOTO ANAPONTÓN CENTRO GALEGO OURENSE BASILEA
Foto: Alejandra Plaza
Un anuncio tomado durante a viaxe que está a facer a portavoz nacional, por Suíza para coñecer de primeira man a realidade da colectividade galega nese país, integrada por máis de 41.000 persoas, máis dun tercio da poboación de cidades como Lugo, Ourense, Pontevedra ou Santiago, o que converte ao Estado helvético no que máis emigración galega acolle de toda Europa.

Para atender as necesidades deste amplo colectivo que abarca varias xeracións de galegos e de galegas, a líder do BNG avanzou desde Basilea que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento a proposta de que Galiza dispoña dunha oficina permante en Suíza para atender, asesorar e informar a xente da emigración.Unha oficina física e permanente co persoal e medios necesarios para que os nosos emigrantes teñen un lugar de acollida, unha oficina que lles axude no momento da chegada a Suíza, na que recibir información e asesoramento e desde a que facer todo tipo de trámites administrativos, con axilidade e co menor custe posible”, explicou a portavoz nacional do Bloque.

Trámites como a xestión de documentación, información laboral, fiscal, legal, de acceso a vivenda, asesoramento en materia de dereitos e deberes no país de acollida, sobre as axudas que poden solicitar,-indicou-, “sobre todo cando o idioma pode ser unha dificultade engadida e se agradece que che falen na túa propia lingua”. “Unha oficina que, por exemplo, te acompañe en todo o proceso de retorno, para que sexa nas mellores condicións posibles e sen perder dereitos polo camiño”, salientou, nunha Suíza que, segundo os datos oficiais, é o país que máis emigración galega computa.

A líder do Bloque tamén fixo referencia á “discriminación” fiscal que sofren os emigrantes galegos por parte da Facenda do Estado, cando deciden retornar a Galiza despois dunha vida de traballo, agravios como o derivado da dobre tributación ou o diferente trato no importe exento de declaración da renda.

É inxusto que ás persoas emigrantes se lles penalice fiscalmente poñendo unha cantidade libre de impostos máis baixa que para o resto de pensionistas, porque nada xustifica que o conxunto das persoas pensionistas estean libres da declaración de IRPF se a súa pensión non supera os 22.000 euros anuais, pero no caso dos e das emigrantes retornadas de Suíza teñan que facer a declaración da renda a partir de 14.000 euros”,explicou Pontón.

Neste sentido, o BNG vai seguir reclamando ao Goberno central que acabe con esta discriminación e, pese a que xa logrou un acordo no Congreso nesa dirección, seguirá vixiante até que sexa efectiva a equiparación fiscal das persoas emigradas retornadas co resto das pensionistas. Unha tributación polas pensiósn que debe incluír tamén a supresión da dobre tributación.

Comentarios