Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Carnés prepárase para a Fagía, a súa festa centenaria

Festa da Fagia Carnes 2009-Foto-MR 2
Festa da Fagia Carnes-Foto-MR
Carnés prepárase para a Fagía, a súa festa centenaria

Arrinca este martes 9 de xullo a Festa de San Cristovo de Carnés. E faino coa Fagía, unha festa con máis de 400 anos de historia, A Festa da Fagía de Carnés, a festa dos Callos, é unha das poucas citas da Costa da Morte declarada Festa de Interese Turístico Nacional.

O campo da Cerca quedará pequeno outra vez para acoller esta festa gastronómica singular, na que se concentran 400 anos de historia ata en 3.000 kg de callos.

Festa da Fagia Carnes 2009-Foto-MR 3
Campo da Cerca un día de Fagía.Foto-MR

Un pouco de historia

A celebración, con máis de 4 séculos de historia, foi recuperada no ano 1981 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia, que ano tra ano, a través da clásica comisión de festas, e asistida polo Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo, organizan esta romería gastronómica.

A festa ten a súa orixe na fundación da Confraría de San Cristovo de Carnés no ano 1608. Os confrades debían pagar unha cota anual ou caridade destinada a garantir o mantemento do culto que xustifica a existencia de dita confraría e toda unha serie de actividades asociadas: misas, comidas de confraternización, gastos de enterros dos confrades,...

A preparación da festa

Festa da Fagia Carnes 2009-Foto-MR
Preparando a Festa da Fagia-Foto-MR

A preparación da comida comeza uns días antes coa compra dos distintos ingredientes para a elaboración dos callos: especias, garavanzos, carne,... O día 8 de xullo os membros da comisión e un grupo de veciños, todos eles voluntarios, comezan a preparar a comida no recinto onde se vai celebrar a festa, coñecido como a Cerca. Mentres tanto outro grupo de xente adícase a acondicionar o recinto. Basicamente trátase de tarefas de limpeza, colocación de barras de madeira para expender bebidas, decoración do estrado onde se vai colocar o Santo, etc.

Os preparativos duran todo o día e prolónganse ata a noite, de xeito que moitos voluntarios non durmirán ata o día seguinte. Xa o 9 de xullo, aproximadamente ás seis da mañá, despois dunha tirada de fogos anunciadores, comeza a cocedura dos callos na caseta que está dentro do mesmo recinto onde se vai celebrar a festa e que fora construída alá polo 1832 pensando neste fin. Cada pota pertence a unha familia de Carnés; chámanlle pota da Faguía ou de San Cristovo e cédenlla á comisión precisamente para a cocedura dos callos. Ó redor das dez ou once da mañá comezan a estar listas as primeiras potas de callos, e xa cara o mediodía os veciños da parroquia achéganse con potas para levar uns poucos callos á súas casas.

Á unha ou dúas da tarde os membros da comisión e os voluntarios, que levan dende o día anterior traballando, comezan a xantar. Sobre as sete comeza a misa na honra de San Cristovo. A igrexa está ateigada de xente, case toda a parroquia está dentro. Fora, agardando a saída do Santo, colócanse os gaiteiros. Rematada a misa varios veciños collen a imaxe de san Cristovo e saen da igrexa cara á Cerca. Detrás deles van os gaiteiros tocando e máis atrás o resto dos veciños. Mentres a comitiva vai avanzando os organizadores agardan a chegada do Santo para comezar a servir os callos.

Procesión

Procesion da Fagia de Carnes-Foto-MR
Procesión -Foto-MR

A procesión camiña lentamente cara ó recinto ó son das gaitas. Con coidado pasan ó Santo por debaixo da porta e diríxense ata o fondo onde hai un estrado sobre o que colocan a imaxe. Deste xeito San Cristovo vai presidir a comida. As gaitas seguen a tocar varias pezas para honrar ó Santo e unha vez rematadas xa se poden comer os callos.

A igrexa parroquial de Carnés é o eixe arredor do cal se asenta o núcleo máis populoso e dinámico de dita parroquia. É tamén neste lugar onde están ubicados a maior parte dos espacios relixiosos e curiosamente todos eles teñen unha estreita relación co Santo Patrón, San Cristovo. Na igrexa teñen lugar os rituais relixiosos do día do Santo: misa, procesión e poxa.

A tradición da poxa documéntase dende principios do século XVII. Celébrase o día 10, con posterioridade ás celebracións relixiosas, e véndense os polos e pitos que os fieis lle levan a San Cristovo como ofrenda pola súa intercesión para a curación dalgún vulto ou quiste. Nos últimos anos este costume vai diminuíndo e os fieis prefiren cumprir as súas ofrendas en efectivo, dándolle ó Santo diñeiro en metálico.

Callos e verbena

Son unhas das festas máis potentes do ano, e pasarán pola pequena vila vimiancesa orquestras como El Combo, Los Satélites, Panorama ou París de Noia.

WhatsApp Image 2024-05-11 at 01.46.42

Máis novas

Comentarios