luns. 03.11.2025
El tiempo

O Concello de Vimianzo e a Deputación promoven actividades de envellecemento activo

Vimianzo envellecmento activo
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social, María José Pose, acompañaron hoxe á deputada de Política Social, Mar García Vidal, durante a visita a un obradoiro do programa Actívate na parroquia de Cambeda.
O Concello de Vimianzo e a Deputación promoven actividades de envellecemento activo

Grazas a unha achega da Deputación da Coruña para a adquisición de material, o Concello de Vimianzo puido ampliar o número de actividades e talleres dentro do programa ‘Envellecemento Activo’, no que participan actualmente arredor de 165 persoas. As sesións realízanse semanalmente nas diferentes parroquias.

Entre as novidades desta edición, financiadas ao abeiro dunha axuda da entidade provincial, destaca o proxecto ‘A Caixa da Memoria’, unha actividade que busca recompilar as historias de vida das persoas participantes a través da creación e decoración artesanal dunha caixa de madeira que servirá como “gardián” dos seus recordos máis significativos: fotografías, obxectos, documentos persoais... Estes elementos serán o punto de partida para a elaboración dun relato co que se busca fortalecer os lazos interpersoais e poñer en valor as experiencias vitais das persoas. Ademais, tamén se compraron novos xogos cos que se busca darlle continuidade ás Olimpíadas de Xogos Tradicionais.

As sesións destes obradoiros comezaron neste mes de outubro e estenderanse ata decembro, para logo culminar cunha exposición das caixas e relatos e coa celebración das Olimpíadas Actívate no mes de maio. As demais actividades de adestramento das funcións cognitivas do programa mantéñense ata ese mes.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a axuda da Deputación, á que definiu como “fundamental” para poder “renovarnos e mellorar cada ano. A adquisición do material é imprescindible para poder poñer en práctica novas actividades coma esta, que supoñen un incentivo para os nosos maiores” e resaltou que “non podemos esquecer a importancia que teñen este tipo de programas para eles, xa que é unha maneira de manterse activos e acompañados”.

Pola súa parte, a deputada provincial subliñou o compromiso “que temos dende a Deputación con iniciativas coma esta, que promoven o envellecemento activo, fortalecen as relación sociais e contribúen ao benestar emocional das persoas participantes”.

Comentarios