Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A programación continua de Vimianzo, a receita para encher o Auditorio

sibaris Cos Tres pes
Sibaris, o novo proxecto de Carlos Blanco, estará en Vimianzo o sábado 23
A programación continua de Vimianzo, a receita para encher o Auditorio

Ofrecer teatro todas as tardes dos sábados de febreiro a xuño é o xeito de enganchar á xente. Que a xente saiba que durante todo un semestre hai teatro cada sábado permite que a veciñanza se identifique, se integre na programación cultura. E se ademais, tras as mellores compañías do país, xa tes a receita xusta para manter chea a túa infraestrutura cultural.

Por iso o programa continuo do Auditorio de Vimianzo leva moitos ano sendo un exemplo. Xa pasaron este xentes como Manuel Manquiña, Ángeles Goás ou PT Excéntricas, que este pasado sábado facían as delicias do público vimiancés e de toda a comarca. 

A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, asegurou que é un orgullo poder ofrecrer “unha programación ampla, na que cada fin de semana os nosos veciños e veciñas poderán gozar da cultura”. Unha oferta variada e de calidade “para todos os gustos e públicos”, que consolida a Vimianzo como un dos municipios que máis aposta por este eido na contorna.

Aínda quedan 12 actuacións de primeiro nivel de aquí a xuño, pasando por sesións de teatro, música e danza de recoñecidas compañías, gracias a esta programación cofinanciada pola Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios AGADIC da Xunta de Galicia.

Nieves Lema Monica Rod e Rosa Blanco-PRESENTACIÓN_PROGRAMACIÓNCULTURAL_VIMIANZO1
A técnica de Cultura Nieves Lema, a rexedora Mónica Rod. e a concelleira Rosa Blanco, as grandes culpables desta completa programación

Vindeiras obras

Programa_AUDITORIO_PADULTO Vimianzo 2024

Péchase marzo o sábado 23 coa compañía Con de tres pés e a obra ‘Sibaris’, unha comedia escrita por Domingo Villar na que se narra a historia do escritor Víctor Morel.

O mes de abril comeza coa obra ‘Made in Galiza’, de Sarabela Teatro, na que se combina con mestría algúns momentos cotiás con profundas reflexións sobre a lingua galega cuns avós que non entenden a lingua da súa familia como fío condutor.

A música será a protagonista o sábado, 13 de abril, cun concerto tributo a Joaquín Sabina a cargo de Conductores Suicidas.

A programación de abril remata o sábado 20 coa produción ‘Vía Morta’, de Culturactiva. Unha experiencia teatral que trae ata o escenario a realidade dos refuxiados e refuxiadas, convertendo ao público nun máis.

Maio comeza con ‘DeseXo’, de Talía Teatro, na que se recompila unha gran investigación sobre o uso da pornografía na adolescencia.

Os sábados 11 e 18 de maio serán musicais, cos concertos da Escola Municipal de Música Contemporánea e a Escola Municipal de Música Tradicional, respectivamente.

A compañía Elefante Elegante representará o 25 de maio o seu espectáculo ‘Alma de Tigre’, enmarcado nas actividades que desenvolve a Área de Cultura da Deputación da Coruña con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2024.

O peche da programación correrá a cargo da Escola Municipal de Teatro coas mostras de fin de curso o sábado e domingo, 1 e 2 de xuño. Estas representacións terán lugar ás 18:30 horas.

Compra de entradas

As entradas poderán adquirirse de maneira anticipada a través da plataforma online Woutick ou no despacho de billetes da Casa da Cultura, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se habilitará a venda o propio día de cada actuación, desde unha hora antes do comezo das mesmas.

Non se permitirá a entrada na sala unha vez iniciado o espectáculo.

Os prezos de cada un dos espectáculos, que oscilan entre os 5 e os 10 euros, poden consultarse no cartel da programación. O prezo reducido está pensado para maiores de 65 anos e estudantado que acrediten esta condición mediante DNI e/ou carné de estudante.

Comentarios